Coñecidos veciños de Rianxo len no cemiterio as súas mandas testamentarias

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A iniciativa está promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, no marco da campaña En galego, agora e sempre

31 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Cemiterio municipal de Rianxo • 17.30 horas • O Concello de Rianxo sumarase á campaña promovida pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística En galego, agora e sempre, promovendo unha lectura pública de mandas testamentarias. Esta iniciativa persegue estender o emprego da lingua nai a lápidas, necrolóxicas, actos eclesiásticos e documentos xurídicos vinculados coa herdanza.

O acto terá lugar esta mesma tarde no cemiterio municipal. Coñecidos veciños tomarán a palabra para ler as súas propias mandas testamentarias. Entre os participantes atoparanse Xesús Santos, Tero Rodríguez, Mauricia Ces e o propio alcalde, Adolfo Muíños. En caso de chuvia, o acto trasladarase á casa consistorial.

Coa campaña posta en marcha, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística pretende reverter os datos dun estudo que revela que só un 3 % das necrolóxicas son escritas en galego, lingua que se emprega nunha de cada mil lápidas dos camposantos da comunidade.

Edición de libros

A entidade xa ten realizado outras iniciativas para acadar o seu fin, entre as que se atopan a publicación de libros de mandas testamentarias, que son uns pequenos textos xurídicos onde alguén recolle unha parte importante dos afectos e sentimentos que se queren transmitir aos herdeiros e a obriga de cumprir o desexo de administrar o patrimonio común: a lingua e a cultura galegas.