Plácido Amboage: «Vexo difícil chegar a un entendemento co párroco, pero teño que tentalo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Integrar aos veciños na confraría e recuperar os desfiles son os seus obxectivos

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Partiu de cero, pero en poucos anos, a Irmandade do Cristo da Misericordia conseguiu situar á parroquia de Santa Baia e a Boiro no mapa da Semana Santa galega. A entidade non só foi capaz de chamar a atención dos veciños para que se sumaran ás vistosas procesións, ben como partícipes ou como meros espectadores, senón que logrou atraer a xente de fóra do municipio. Pero un conflito co párroco local botou ao traste anos de traballo e de investimento en imaxes e vestimentas. Plácido Amboage, quen vén de tomar o relevo á fronte da confraría tralo falecemento de Jesús Martínez Sexto, ten por diante o difícil reto de devolverlle ás celebracións o esplendor de antano.

Aínda que asumiu o cargo con esperanza e ilusión, recoñece que a ferida aberta non é sinxela de curar: «Hai friccións que vai ser moi complicado arranxar, xa que o párroco non acepta certas premisas que ao noso entender non deberían influír no funcionamento habitual da igrexa, pois a confraría só vai actuar na Semana Santa». Non é socio fundador, pero leva xa tempo involucrado na Irmandade do Cristo da Misericordia e nunha ocasión chegou a expoñer unha solución radical ao problema: «Eu propuxen no seu día cambiar provisionalmente a sede da entidade e mesmo dixen que, pola proximidade que pode ter coas nosas ideas o cura Marcelino Sánchez, Lampón podería ser unha boa parroquia». Pero ese traslado tería que ser aprobado polo Arzobispado, pois a sede que figura nos estatutos da entidade é Santa Baia, e o novo presidente está convencido de que atoparían aí o primeiro atranco.

Por iso, aínda mantendo enriba da mesa este plan B, o A, como os define o propio Plácido Amboage, é permanecer no centro de Boiro. El está disposto a poñer da súa parte: «Hai que ter caridade nas actuacións e saber perdoar. Houbo agravios por ámbalas dúas partes, tanto pola da confraría como pola do cura, que perdeu as formas. Non se trata de poñer a outra meixela, pero si de empezar a perdoar». Como primeiro paso a dar, quere convocar unha reunión a tres bandas: Arzobispado, párroco e Irmandade, para tratar de empezar a atar cabos. «Vexo difícil chegar a un entendemento co párroco, pero teño que tentalo», sinala.

O novo presidente sabe que solucionar as diferenzas existentes é fundamental para conseguir o reto que se marcou: «O gran obxectivo é conseguir que a confraría volva ter un nivel alto, con máis de 600 socios». Esta foi a cifra máis elevada de integrantes que chegou a contabilizarse, pero a raíz dos problemas co párroco, foi baixando paulatinamente, ata quedar nos 216 actuais.

Haberá procesións

Aínda non chegando a un acordo co cura de cara á vindeira Semana Santa, Amboage sabe que existe outra alternativa para que Boiro non volva a quedarse sen as rechamantes procesións de Semana Santa: «A idea é desfilar, con ou sen acordo coa Igrexa. Imos poñer os medios para solucionar os problemas, pero se non o conseguimos, solicitaremos os permisos oportunos para que haxa igualmente procesións».

Consciente da batalla que tiña que lidar, Plácido Amboage recoñece que lle custou tomar a decisión de concorrer ás eleccións á presidencia da Irmandade: «Eu pensaba que era mellor para o cargo un dos fundadores da entidade, pero tanto me insistiron que decidín probar e ver o que podo facer». El xa tiña, antes incluso de que entrara en funcionamento a confraría, unha fonda relación coa Igrexa, aínda que era a nivel artístico. As pinturas de arte sacro son unha das súas grandes paixóns: «Sempre me gustou a historia, sobre todo a parte relacionada coa Biblia». De feito, xa ten unha cita concertada para exhibir unha colección de cadros de temática relixiosa en Ribeira na vindeira Semana Santa.

Pero de aquí alá ten por diante un arduo traballo: «Gustaríame acabar cos conflitos, que a confraría puidera conservar a súa sede e que Boiro volvera a ser unha localidade punteira da Semana Santa barbancesa. Integrar novamente á xente na Irmandade e ilusionala para ter unhas boas procesións».