A vila pobrense salda a súa débeda con Rei Ballesteros dedicándolle unha rúa e un monólito

Amigos do escritor puxeron en valor a súa obra e o goberno local avogou por que as xornadas na súa honra teñan continuidade


Ribeira / La Voz

Unha inoportuna e xélida chuviscada obrigou a acelerar o desenvolvemento dos acontecementos, pero non foi suficiente para deslucir un acto que serviu para que A Pobra saldase a débeda que tiña contraída con Anxo Rei Ballesteros e que foi, sobre todo, unha emotiva homenaxe a un gran novelista, pero tamén un gran veciño. O escritor xa ten unha rúa co seu nome e un monólito que honra a súa memoria, aínda que, como adiantou o alcalde pobrense, «isto non pode rematar aquí».

Xosé Lois Piñeiro recordou que a inauguración de onte era o punto culminante dunhas xornadas dedicadas a Rei Ballesteros que incluíron diversos actos e que serviron para poñer en valor a súa obra. O rexedor recoñeceu que «canto máis coñezo da figura de Ballesteros máis me interesa e creo que a mocidade pobrense debería coñecela». Por iso, remarcou, as actividades para divulgar a súa obra deben ter continuidade no tempo.

Un dos grandes

Trala intervención do alcalde descubriuse un monólito ao que se encargou de dar forma o escultor e amigo persoal de Rei Ballesteros Manuel Teira. El foi o primeiro en tomar a palabra para dar as grazas ao Concello e ao BNG pola iniciativa de poñerlle o nome de Rei Ballesteros a unha rúa da vila e para poñer en valor a homenaxe de onte: «Sinto orgullo e felicidade, porque non recordo outro acto deste tipo brindado a un veciño da localidade. É fundamental para a comunidade empezar a poñermos en valor aos veciños».

Sobre o escritor, asegurou que é un dos grandes novelistas do século XX «e tamén un gran pensador. Era un novelista que pensaba cando escribía, non de forma superficial, senón con ese pensamento fondo dos que cren que o pensamento é a arquitectura dun pobo». Teira destacou tamén a desbordante personalidade do seu amigo, e explicou que á hora de deseñar a escultura que se descubriu onte pensou na súa parte humana.

Lectura de textos

Como broche final ao acto, levouse a cabo una lectura de textos que iniciou Manuel Cartea, presidente de Barbantia, quen dixo de Rei Ballesteros que foi un home «que viviu nas marxes da vida e da contradición». Logo, deu lectura a un texto sobre o escritor, que viviu os seus últimos anos na Pobra, e que aparece no quinto anuario de Barbantia.

Tamén se leron fragmentos de diversas obras de Ballesteros, como Dezanove badaladas ou Querido Brais, para rematar con música, coa interpretación dunha tradución ao galego de Knockin’ on heaven’s door feita polo propio Anxo Rei Ballesteros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A vila pobrense salda a súa débeda con Rei Ballesteros dedicándolle unha rúa e un monólito