Un repaso audiovisual polo esplendor da poesía galega

O documental «Vértice de versos» reivindica o xénero literario e os seus autores no acto mensual de Barbantia


Ribeira / la voz

Un documental de 65 minutos sobre a poesía galega e os seus escritores pode non espertar moito interese tendo en conta que nos atopamos cun xénero literario moi selectivo. Carlos Lorenzo desembarcou en Boiro, da man de Barbantia, coa súa obra audiovisual Vértice de versos e agradou e convenceu aos asistentes que tiveron a oportunidade de achegarse ao xénero por medio das palabras dos seus autores.

Foi no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia onde se proxectou o documental, previamente introducido polo técnico de cultura do Centro Social de Boiro, Alberto García, e o propio autor, Carlos Lorenzo, que desempeña unha función homóloga no Concello de Cambre.

Alberto García empezou poñendo de manifesto a súa condición de socio de Barbantia desde a súa fundación. O técnico subliñou que a dependencia na que desenvolve a súa labor organiza periodicamente actos para divulgar a poesía, remontándose a publicacións como Leñaverde, que cualificou de fotopoesía. Mencionou tamén aquel encontro de poesía salvaxe que impulsara na Pousada das Ánimas, entre outras citas.

Cómodo no xénero

Carlos Lorenzo, pola súa banda, confirmou a súa proximidade con Alberto García e explicou como na súa condición de organizador do Certame de Poesía de Carral foi entrando no xénero para acabar formando parte dese mundo creativo, no que se sente cómodo. A continuación falou do documental Vértice de versos, explicando que vértice é unha alusión á Galicia xeográfica, tamén á vertixe e ós versos. Confesou que á hora de facer o documental, empeñouse en que fose atractivo, porque trata de transmitir que Galicia «somos unha potencia poética. Cada vez temos máis autores, pero non máis lectores».

En representación do goberno municipal, interveu o concelleiro Nolo Romero, quen apuntou que máis que un vértice, a obra, o documental, e a poesía son máis ben un epicentro. Felicitou a Carlos Lorenzo polo traballo realizado e animou a Alberto García a seguir desenvolvendo o seu labor como ata o de agora.

A continuación, deuse paso á emisión de Vértice de versos, un entretido documental que pon de manifesto a potencia poética que é Galicia, tal e como xa adiantara o propio autor, pero no vídeo interveñen 19 persoas directamente relacionadas coa escrita, desde autores coma os barbanceses Gonzalo Hermo e Ismael Ramos, ata Yolanda Castaño, Eduardo Estévez, Luis Tosar, Fernán Vello e Rosalía Fernández, entre outros poetas; e críticos como Teresa Seara e Armando Requeixo. Todos confirman a forza que ten a poesía galega e póñena ao nivel das mellores da contorna xeográfica.

A obra audiovisual concede protagonismo aos poetas máis recoñecidos, como Yolanda Castaño, Gonzalo Hermo, Enma Pedreira e Baldo Ramos, pero sen restar méritos aos demais que expoñen a visión dun colectivo que medra tanto en integrantes como en obras. En resumo, o documental é un convite a achegarse á poesía, xénero que autores como Fernán Vello consideran fundamental para a lingua galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Un repaso audiovisual polo esplendor da poesía galega