Amparo Fernández: De Cabo de Cruz á elite da perruquería creativa

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O seu salón, La Pelu, é o único de Galicia coa Q de Calidade e as estrelas de xestión, creatividade e innovación

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ollando a súa apertada axenda e a súa maleta sempre preparada, un podería pensar que Amparo Fernández é unha importante executiva, obrigada a viaxar constantemente por motivos de traballo. Lonxe diso, esta boirense é unha perruqueira; iso si, forma parte da elite da súa profesión. Corta o pelo e confecciona peiteados acordes para cada ocasión, pero tamén deseña coleccións e crea tendencias que logo chegan a un feixe de países diferentes. En resumo, é unha artista das tesoiras e o peite.

Aínda que lle queda moita carreira por diante e de seguro moitas distincións que engadirlle á longa lista de premios que xa ten, Amparo Fernández vén de conseguir un distintivo que lle pon a guinda ao seu salón, La Pelu. Desde o 2013, este negocio xa ostentaba a Q de Calidade e as estrelas á xestión, coñecida como Global Salon, e á creatividade. A elas engádeselle unha terceira estrela á innovación, o que fai desta firma boirense a única de Galicia con todos eses selos de calidade. É a gran recompensa ao traballo realizado: «Esforzámonos sempre para mellorar, con novas coleccións e ideas, e os premios constitúen sempre un impulso que se agradece».

Os comezos na súa terra

A sensación de ver recoñecido o seu traballo non é nova para esta veciña de Cabo de Cruz que desde nena tivo claro que quería ser perruqueira: «Nunca o dubidei e se tivera tres vidas, tres veces volvería a tomar esta decisión». Xa con 20 anos, quedara finalista nun certame a nivel nacional. Aínda que instalou o seu negocio, por elección propia, en Cabo de Cruz, marcouse como obxectivo desde o principio ter proxección máis alá das fronteiras de Barbanza e mesmo de Galicia: «Sempre fun unha apaixonada de Cabo de Cruz e por iso me instalei aquí, aínda despois de estudar e ter traballado nos mellores salóns da Coruña».

Ter unha empresa propia permitíalle cumprir o seu soño de dedicarse á perruquería creativa, e en canto tivo a oportunidade enrolouse nunha aventura de ámbito estatal, o Club Fígaro. «A idea xurdiu en Los Ángeles, onde estabamos un grupo de profesionais de España participando nun evento moi importante. Alí falamos da necesidade de crear unha entidade que nos unira e proxectara cara o exterior». O navarro Mikel Luzea foi o encargado de materializar aquela proposta, hai xa unha década, á que Amparo Fernández se sumou desde o primeiro momento: «Vin que era unha iniciativa moi boa e agora recoñezo que, desde a creación do club, a perruquería española experimentou un gran movemento».

O nacemento da entidade supuxo o salto cualitativo que a boirense estaba desexando dar: «A partir de aí empezamos a traballar xa con equipos profesionais para presentar as coleccións». Ela, coa axuda dos seus colaboradores, conseguiu situar as súas en revistas especializadas de máis de 30 países do mundo. Iso que ela saiba, xa que ás veces lévase agradables sorpresas: «Veño dunha feira de París e alí, un expositor de Italia estaba empapelado coas miñas coleccións. Iso para min é o mellor regalo».

As mellores distincións

Outros importantes agasallos que menciona son os que recibiu dos seus compañeiros de profesión cos que comparte vivencias no Club Fígaro, pois en tres ocasións a prenominaron a mellor perruqueiro español do ano. Non conseguiu o galardón, pero foi case coma se o lograra: «Goceino moitísimo pola relevancia que ten, xa que somos moitos competindo». Estes e outros premios son o osíxeno que respira a profesional boirense: «Os recoñecementos son un impulso que me dá seguridade á hora de crear e de innovar».

Seguir nesta liña, que non é pouco, é a máxima ambición de Amparo Fernández: «O meu soño é o día a día, xa que gozo moito co que fago». Non dubida á hora de recoñecer que pasar desa prenominación do Club Fígaro a unha nominación e asistir como tal a un desfile dunha colección súa non estaría nada mal. Entre mans ten varios proxectos dos que non pode falar, pero que en cuestión de días a obrigarán a poñer rumbo a Asturias. Non lle importa pechar unha maleta que sempre ten á man, xa que asegura que viaxar é a súa segunda gran paixón: «A perruquería creativa permíteme estar sempre viaxando e iso é marabilloso».

Por fortuna, non precisa demasiado tempo para deseñar esas coleccións coas que marca tendencia: «Vexo unha cabeza e, inconscientemente, xa me poño a pensar. Teño unha gran capacidade para as novas ideas». Avanza que a vindeira será presentada, como moi tarde, en xuño.