Manuel Castelao afonda en «Loaira» e coloca a novela de Rei Ballesteros entre as obras fundamentais da nova narrativa

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A conferencia formou parte das xornadas dedicadas ao escritor

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, A Pobra está saldando a débeda histórica que tiña contraída cun dos seus veciños ilustres, Anxo Rei Ballesteros, dedicándolle unhas xornadas que na noitiña do mércores viviron o seu segundo capítulo. Da man de Barbantia e do Concello da Pobra, Manuel Castelao visitou o auditorio do Museo Valle-Inclán para participar na homenaxe ao escritor, do que se cumpren dez anos do seu pasamento. Nunha longa conferencia, Castelao dedicouse a profundar en Loaira, unha novela que situou entre as obras fundamentais da Nova Narrativa Galega.

Acompañado na mesa polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro, a concelleira Genoveva Hermo e Isabel Blanco, quen fixo unha pequena reflexión sobre a figura de Rei Ballesteros para introducir o acto, Manuel Castelao foi debullando os detalles dun libro complexo desde distintos puntos de vista, tanto pola estrutura como pola gran variedade de personaxes que aparecen e incluso pola linguaxe que emprega, cun vocabulario moi rico que non se adapta a ningunha normativa. Segundo explicou, Loaira, publicada en 1992, segue a tradición da Nova Narrativa Galega e encerra dentro da mesma historia múltiples historias. E incluso apuntou que, na súa opinión, posiblemente sexa a mellor novela galega de finais do século XX e do que levamos do XXI.

Na conferencia, que titulou A nebulosa do Anxo: Loaira revisitada, Manuel Castelao tamén falou de como recibiu a crítica unha obra que, pese a ter boa acollida, no foi demasiado lida.

As xornadas en homenaxe a Anxo Rei Ballesteros concluirán o domingo coa inauguración dunha rúa co seu nome e o descubrimento dunha escultura.