«De neno pintaba a igrexa de San Martiño con anacos de tella no chan»

pedro garcía vidal

BARBANZA

ABRALDES

Di que en Noia está a esencia artística que inspirou os cinco irmánsPío Costa Beiro Pintor

13 dic 2018 . Actualizado a las 21:11 h.

A cabeza de Pío Costa é un lenzo permanente onde a luz e a cor desenvolven arreo paisaxes soñadas. Estamos ante un artista de titánica vocación. Con el as conversas derivan sempre cara aos eidos da pintura, a súa profesión e a súa paixón. Falamos na sala Francisco Creo da Sociedade Liceo de Noia, un espazo para a arte, onde este verán Pío expuxo a súa obra arredor dos Camiños a Santiago.

?A pintura e a arte para ti significan....na pintura buscas?...

-A pintura e a arte son para min a necesidade vital de expresar os sentimentos que flúen do meu interior creativo. Na pintura trato de atopar o equilibrio mediante a cor e as formas que me permitan reflectir a realidade dende un punto de vista persoal.

?Como recordas aquela Noia dos anos cincuenta na que transcorren os anos da túa infancia?

-Noia sempre a recordarei como parte moi importante da miña infancia, a pesar de que eran tempos difíciles pero á vez creativos, porque improvisabamos para distraernos xogando na praza do Tapal (o noso territorio por excelencia). Recordo como con papeis ou trapos atados cunha corda faciamos unha pelota para xogar ao fútbol. Era tan emocionante! Ter un balón de coiro era un luxo que non estaba ao noso alcance. Con pouca cousa nos conformabamos e eramos felices.

?Con 13 anos, a familia trasládase a unha gran cidade como Barcelona. Que supuxo ese cambio tan radical na túa vida?

-Eu non quería irme, tiveron que arrastrarme. Tras unha viaxe de dous días en tren, aí estaba a luz do Mediterráneo. Ao chegar a Barcelona púxenme a traballar de dependente. Adapteime ben. A cidade espértate, ponte en movemento: tranvía, metro, tren, todo era novo para min. Con 15 anos comezaba a descubrir a beleza da arte modernista: arquitectura, pintura, museos, sás de arte... a sensibilidade a flor de pel.

?Como explicas que cinco irmáns nacidos na posguerra nunha vila pequena como Noia, con escasa ou nula actividade cultural, se dediquen á pintura ?tres profesionalmente??

-Cando hai un sentimento tan forte por querer expresar algo tan profundo como para nós é a pintura, o de menos é o tempo ou o espazo. Os cinco irmáns sempre tivemos claro que este sentimento artístico ía acompañarnos no decorrer das nosas vidas. A esencia está aquí, en Noia, onde nacemos.

?Como foi o teu primeiro achegamento á pintura?

-Sempre me gustou pintar e debuxar. De neno pintaba a igrexa de San Martiño con anacos de tella no chan, que servía de lenzo. Os meus irmáns Alfonso e Nacho xa destacaban como bos pintores, e Jesús e Alejandro seguían os seus pasos. Tiven a sorte de telos preto e aprender deles. Tiña interese por expresarme nesa linguaxe que che fai soñar constantemente. Recordo que traballaba nun bingo e saía ás 3 ou 4 da mañá sen durmir, e cada fin de semana collía os trebellos de pintor e ía aos concursos de pintura rápida por toda Cataluña. Tiña tantas ganas e ilusión que non sentía o cansazo nin o sono.

?Logo de anos vivindo en Barcelona, agora a túa vida transcorre en Noia. Por que o regreso á vila natal?

-En Barcelona vivín 44 anos, pero sempre regresei a Noia, cada ano, e sabía que algún día volvería para quedarme, e así foi.

?Sabemos da túa preferencia por pintar paisaxes urbanas, especialmente espazos cunha potente carga histórica. Por que esa atracción?

-Nas paisaxes urbanas sempre atopei a enerxía que flúe, tanto da xente coma da beleza da súa arquitectura: as prazas, as rúas, recunchos, espazos cheos de vida que invitan a darlles a miña visión.

-Fálanos desas Miradas poéticas a carón dos camiños a Santiago colgadas nas paredes da Sociedade Liceo de Noia.

-Nesta exposición quixen amosar os diferentes lugares por onde acostumo pintar ao «aire libre». Lugares poéticos a carón dos camiños, que acompañan os peregrinos na súa andaina cara a Santiago. Ao mesmo tempo, render homenaxe ao 850 aniversario da fundación de Noia e, coincidindo tamén co 90 aniversario do Liceo, dar a coñecer nesta Sociedade un pouco máis a miña obra.

?Esas luces atlántica e mediterránea coas que convives teñen presenza nas túas obras. Cal é o papel da luz e da cor nos teus cadros?

-A luz e a cor son fundamentais na miña obra. Os estados de ánimo tamén. Ao pintar ao aire libre, a luz do Mediterráneo intensifica as cores e os tons tórnanse máis luminosos. Na miña obra hai gran predilección polos azuis ultramar, transpórtanme ao azul do noso océano e fanme flotar.

?Que outro tipo de pintura te atrae?

-O tema do deporte sempre me fascinou, pola sensación de movemento que a través de pinceladas de cor podía conseguir, darlle vida. Tamén me atrae o mundo dos soños: mediante manchas de cor intento espertar a sensibilidade do espectador e que participe dese espazo.

?Para finalizar, fálanos de proxectos inmediatos. Que estás pintando agora?

-Como cada ano, o 10 de decembro expoño en La Tacita de Juan, en Santiago. Con esta serán 19 anos expoñendo aí. Nesta ocasión tamén estarán presentes temas relacionados co Camiño e con Noia.