Así, 1916 foi o ano do esquecemento, o que batuxou a defensa dos dereitos, o que tirou por terra a máxima que defendía «no más derechos sin deberes, no más deberes sin derechos». Comezaba o ano dimitindo o presidente, José Vilas Núñez, e asumindo o cargo Rutilio A. Pouso Alcalde. O mesmo día da toma de posesión, modifícase o regulamento estatutario da asociación e o nome da mesma, que pasa a denominarse Liga y Sociedad de Agricultores de Santa María de Nebra, e ábrese unha discusión sobre se se vai pagar ou non o tributo. Asemblea á que concorren cinco veciños da vila non asociados que fan unha defensa acesa do impago do déficit e unha argumentación vehemente da mala xestión municipal. Arrincan os bandos para a cobranza do imposto de consumos, poñendo no seu sitio panfletos invitando á resistencia. Logo desta asemblea, ingresan 29 novos socios nunha mesma xornada, ascendendo deste xeito a 140 asociados.
O día 12 de outubro de 1916, o xuíz de instrución de Noia, en virtude do acontecido en Cans, suspende a actividade da Liga y Sociedad de Agricultores. Malia esta suspensión, e sen ter constancia do seu posterior levantamento, a actividade retómase en 1917, constituíndose a Federación Agraria de la parroquia de Nebra, que conta en maio dese ano con 125 socios, e que se disolve ao ano seguinte por ter menos dunha ducia. A esta asociación seguiralle a Sociedad y Liga de Agricultores e, logo da súa disolución en 1923, o Sindicato Católico Agrícola en 1928. Todas as asociacións desta parroquia tiveron como artigo no seu regulamento a defensa férrea dos dereitos dos labregos fronte aos abusos do poder.