Juan Filgueira: «Se nos unimos temos potencial para estar entre os mellores de Galicia»

O responsable do club sonense aposta por dar máis importancia á formación que á competición na base


Juan Filgueira (Fene, 1974) é un barbancés máis. Mestre de educación física, compaxinou o seu traballo coa difusión dunha das súas paixóns, o baloncesto. Tras facelo en Noia, deu o salto á vila veciña, onde, dende fai máis de un lustro, exerce como coordinador do Baloncesto Porto do Son.

-Seguen expandindo este deporte por toda a zona.

-Un dos nosos principais obxectivos é potenciar o baloncesto entre os pequenos. Xa estábamos en Porto do Son, Portosín, Negreira e Lousame. Agora chegamos ata a Baña e Brión. A maiores enviamos un monitor á ANPA do Avilés de Taramancos, en Noia. En Ribeira non formamos parte do Club Baloncesto Barbanza, pero si lle damos certo asesoramento. Queremos axudar a dinamizar a base, que os mozos reciban unha boa ensinanza.

-¿En que situación se atopa o voso club?

-Seguimos cos mesmos equipos, coa excepción do sénior e do júnior. Para este último non xuntamos xogadores suficientes e co absoluto non o víamos rendible. Todos marcharon a estudar fóra e para adestrar un día á semana non tiña sentido. Cando saquemos rapaces da nosa canteira e haxa necesidade retomarémolo. Este ano vén moi forte o preinfantil feminino, que xa empezou a Liga Galega. Esta xeración ten un gran nivel e para nós é un pracer que se fomente así o deporte feminino.

-Afronta o seu sexto ano como coordinador do club. ¿Como foi o camiño ata aquí?

-Cando comezamos en Portosín tíñamos sete nenos, agora, contando tódalas escolas, son 200. Hai moito traballo detrás. Fixemos actividades de promoción nos colexios e na rúa. Aínda así é complicado xuntar os números necesarios. A oferta deportiva é moi ampla e con prezos inferiores aos nosos. A maiores, a xeografía do concello dificulta os desprazamentos. Algúns nenos teñen que moverse e os pais prefiren apuntalos a outra cousa.

-¿Prezos por debaixo dos vosos?

-Nós estamos en 130 euros ao ano. Eu considero que é barato, pero noutros lugares pagan 40 ou 60, e claro, así a moitos pais parécelles carísimo. Nós buscamos que a actividade sexa formativa, que inculque uns hábitos de saúde e unha serie de valores. Creo que todo iso vale máis que ese prezo. O ano pasado os rapaces foron a Madrid, as rapazas a Salamanca e para este curso teremos sorpresas. Tamén organizamos o campus co Belgrado e esperamos repetir con algo similar. O problema é que falla a cultura deportiva. Parece que só se ve o fútbol como deporte.

-¿Cómo valora a saúde do baloncesto en Barbanza?

-O volume de nenos e nenas que o practican medrou. Un dos nosos obxectivos é unha unión de tódolos clubs que nos permita facer equipos competitivos a nivel Galicia. De feito, o noso júnior do ano pasado era iso, unha selección do Barbanza. Falta dar un paso adiante por parte das diferentes directivas para xuntarnos e camiñar cara conxuntos únicos, sen descoidar os propios. Esa é a nosa visión.

-¿Velle futuro?

-Hai xente que está a favor. Intentouse xa varias veces. Houbo incluso reunións, pero custa dar o paso. Impera o localismo. É unha mágoa.

-Entendo que o que quere é contar cun equipo forte por categoría e despois que cada club tivera os seus propios.

-Si. Se nos unimos temos potencial para estar entre os mellores de Galicia.

-¿Que metas se poñen para esta tempada co Son?

-Como club queremos formar xogadores por enriba dos resultados. Darlles recursos técnicos e tácticos para que cada día sexan mellores deportistas e persoas. Non nos marcamos metas de, por exemplo, ser campións nesta ou aquela categoría. Pero si creo que o preinfantil estará entre os oito mellores da categoría e que o cadete masculino e os infantís masculino e feminino loitarán polo título de liga. En minibasket e preminibasket nunca facemos conxuntos para competir por metas, mesturamos nenos de diferentes niveis para que aprendan un dos outros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Juan Filgueira: «Se nos unimos temos potencial para estar entre os mellores de Galicia»