Marcelino Sánchez: «O cura ten que ser un veciño máis»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Atribúe á súa integración na comunidade a boa relación que ten cos fregueses

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha época coma a actual, coa Igrexa atravesando un período de horas baixas, custa atopar un cura capaz de encher a igrexa a miúdo, un sacerdote que lonxe de deixar morrer as celebracións, as levanta e mesmo recupera outras que tiñan pasado á historia. Ese é Marcelino Sánchez, o párroco de Santiago de Lampón (Boiro) e San Isidoro de Posmarcos (A Pobra). El soubo atopar o segredo para que os que eran crentes mantiveran a súa devoción e mesmo para atraer ás novas xeracións. Quizais a súa participación en actividades que non están vinculadas ao rito eclesiástico ten algo que ver, xa que é un máis á hora de gozar da festa, de ir de excursión ou de gozar dun bo partido de fútbol.

Marcelino Sánchez empezou de neno a frecuentar a parroquia boirense na que naceu, Santa Baia. Daquela, era case unha obriga para os cativos acudir á misa e recibir os sacramentos previa preparación. A diferenza dos seus compañeiros de aventuras, el sentía unha atracción especial pola igrexa: «Sempre me gustou axudar nas misas e nas actividades da parroquia, tanto é así que exercín moito tempo de monaguillo». Pero houbo unha persoa que o encamiñou cara o sacerdocio. Foi Francisco Pena, antigo cura de Santa Baia e hoxe párroco de Cespón: «A el lle debo a miña profesión, pois foi quen me animou a ir ao seminario».

E seguindo os seus consellos, Marcelino Sánchez ingresou no seminario despois de rematar o Bacharelato no IES Praia Barraña: «Podería dicirse que fun probar, pero gustoume e alí quedei». Ficou ata que se ordenou diácono, en marzo de 1993, e posteriormente presbítero, en decembro do mesmo ano. Cambados, onde estivo seis meses, foi o seu primeiro destino, e Moaña, onde pasou oito anos, o segundo. O terceiro, e polo de agora definitivo, foi Lampón, parroquia á que pouco despois se engadiría a de Posmarcos. «Vir para a miña terra non era unha idea que me gustara moito nun primeiro momento, xa que un nunca é profeta na súa terra, pero eu débome ao arcebispo e cumprín o seu mandato. Agora estou contento aquí», explica.

Rede de colaboradores

Non dubida nin un segundo á hora de sinalar que, do que máis satisfeito está, é da colaboración que sempre atopou nos seus fregueses: «É un apoio extraordinario, non só para afrontar obras materiais nas igrexas, nas reitorais e nos cemiterios, senón tamén para as catequeses, os coros ou as ofrendas e as lecturas das misas». Está convencido de que a razón de tanta fidelidade está na tradición das parroquias e no traballo feito polos seus antecesores: «Lampón e Posmarcos son parroquias moi relixiosas e tamén é certo que outros párrocos sementaron o froito que eu estou agora recollendo».

Marcelino Sánchez asegura que non emprega unha estratexia especial para lograr un cheo detrás de outro nos seus templos: «Desde o primeiro día procurei integrarme na parroquia, coñecer os seus costumes e ser un máis. O cura ten que ser un veciño máis e, sobre todo, non debe impoñer, senón ofrecer, animar e convidar». Está convencido ademais de que non é merecedor de ser considerado o protagonista: «Eu só fago de cabeza presidindo as liturxias, pero despois está a xente que colabora. A parroquia faina unha boa harmonía e convivencia».

O sacerdote compaxina as tarefas pastorais coas clases que imparte no IES Número Un de Ribeira, unha faceta profesional que tamén desenvolve con satisfacción: «O contacto coa mocidade é moi importante, é un traballo enriquecedor porque me axuda a ter unha visión actual dos problemas e dos desafíos que teñen as novas xeracións».

E, como gran afección, ten o fútbol, ata o punto de que preside a Peña Barcelonista do Barbanza desde a súa fundación, hai seis anos: «Eu son barcelonista de nacemento, pero sempre nun clima de amizade e compañeirismo. No fútbol, rivalidade toda, pero inimizade cero».