Maruja a Parronda, a memoria da torre de Goiáns


Din que os donos de inmobles emblemáticos, polo xeral familias de alta ascendencia, saben menos das súas propiedades que as persoas que se encargan do servizo, e abofé que no caso de María González Mariño, coñecida en Escarabote como Maruja a Parronda, probablemente se confirmase esa virtude, porque foi memoria viva do pazo e torre de Goiáns. Traballou en tan emblemático complexo arquitectónico de asistenta, collendo a testemuña de súa nai, cando era propiedade de Carlos Carou, e seguro que deixou nos descendentes deste unha fonda pegada, porque non dubidaron en acudir onte ao tanatorio de Santa Baia de Boiro para testemuñar o seu pesar á familia polo pasamento dunha muller ben apreciada.

Contan que, na súa etapa de traballo no pazo, tivo ocasión de coñecer, por exemplo, á poetisa María Mariño, e a memoria que Maruja a Parronda conservou ata os instantes finais da súa vida foi fonte informativa para historiadores e investigadores do conxunto monumental, porque ela, ademais de ás persoas que habitaban a construción, coñecía ao detalle ata a distribución dos inmobles. Tal foi o apego que tivo cos moradores que, xa cando deixara de traballar para eles, acudía a axudar cando llo pedían.

Maruja a Parronda casou con Juan Ares Pego, mariñeiro de Escarabote, condición que a converteu nunha desas heroínas que tanto abundan polas vilas ribeiráns, que se viron obrigadas a exercer o matriarcado e, ao mesmo tempo, comercializar as capturas do seu marido, co que tivo tres fillos, María Teresa, Manolo e Juan Jesús (ex concelleiro de Boiro polo PSdeG-PSOE), aos que educou e instruíu para que fosen un exemplo como persoas e desenvolvendo as súas profesións e responsabilidades.

Aínda lle quedou tempo para abrir un posto de venta de peixe na praza de abastos boirense, que logo colleu a súa filla María Teresa e hoxe atende a nora desta, que dá nome ao negocio: Pescadería Irene.

Posuidora dunha memoria envexable, moitos dos seus veciños acudían a ela para escoitar as súas historias e incluso pedir consello, porque tanto era capaz de lembrar ata o detalle máis insignificante como contar a historia dun home que estivera na guerra de Cuba. Vital e defensora acérrima da familia, a súa vida estivo marcada pola loita permanente tanto para levar aos seus fillos adiante como para traballar a prol da economía familiar, aínda que fose indo ao monte ou ao campo na busca de millo que poder comercializar para facer unhas pesetas.

Aos 94 anos de idade finou Maruja a Parronda, que está sendo velada no tanatorio Santa Baia de Boiro ata hoxe ás 16.45, que sairá o seu cadaleito en dirección á igrexa e ao cemiterio de Santiago de Lampón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Maruja a Parronda, a memoria da torre de Goiáns