José María Rodríguez Tubío: A historia de viquingos que quería ser contada

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro acaba de ver publicado un relato que tivo anos gardado nun caixón

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai historias que se empeñan en ser contadas. A que relata José María Rodríguez Tubío en Liorta viquinga é unha delas. Comenta o seu autor que escribiu o primeiro borrador desta narración hai moitos anos, alá pola década dos sesenta. Cando acabou de «emborrallar os papeis», pouco convencido co resultado, «metinos nun caixón». E alí quedaron, durmindo a súa particular noite de pedra, ata que tempo despois, cando este rianxeiro volveu da emigración, «un día, revolvendo naqueles caixóns, atopeime con eles. Outra vez a mesma historia».

Leu o que xa tiña escrito, revisouno, mellorouno... «Pero tampouco era o momento, así que volvín metelos nunha caixa». A terceira vez que bateu con eles decatouse de que, aquela historia que imaxinara tanto tempo atrás, quería saír da escuridade. «Era como se me viñera a esixir que a sacara para adiante», relata. Así que, tras unha nova corrección, decidiu tirar unha pequena edición. «Unha cousiña sen importancia, para agasallar á familia», conta José María. Repartiu vinte e tantos libros entre a xente máis próxima e a cambio recibiu unha choiva de gabanzas. «Pero son das que non valen, porque é xente que me ten afecto».

O exame do público

Agora, a Liorta viquinga vaise ver sometida ao exame do público. Agora chegarán as críticas que valen, as que non están condicionadas polo amor e a amizade. Porque o texto ven de tomar a forma dun pequeno libriño, editado grazas á colaboración dos concellos de Catoira e de Rianxo. Unha peza construída, di o seu autor, sobre os recordos das historias que «nas noites de inverno, escoitaba aos meus antepasados».

Naqueles contos cabían todo tipo de personaxes e de milagres. Pero de entre aquela marea de aventuras, «o que máis entrou na miña cachola, foron as aventuras dos viquingos» que chegaban ata Catoira e Rianxo dispostos a seguir avanzando ata petar na porta de Compostela. Contábanlle, de cativo, que os viquingos ían recoller auga nun manancial do que esta saía clara, cristalina, fresca. O pozo estaba moi preto da casa do pequeno José María e, porén, do mar de Arousa. E nese espazo transcorre parte da liorta que este rianxeiro, amante da cultura e da arte, deu en poñer en papel.

Xa falamos do libro, pero cómpre, tamén, falar do autor. Porque sen saber del, resulta imposible entender moitas das claves do volume que temos entre mans. José María Rodríguez Tubío é mestre. Pero mestre, mestre. Deses que non perden esa condición nin cando se xubilan, porque o ensino forma parte da súa vida, da súa forma de ser. A corrección do profesor nótase nunhas páxinas construídas sobre unha invención, pero ás que «lle dá signo de realidade o feito de que a historia se desenvolve no mundo real, de experiencias reais». Un mundo pasado, presente, esperemos que futuro, no que os rapaces comen froita madura, deixando que o zume esvare polas fazulas e polo queixo. No que as galiñas «papan nas miñocas» e a rapazada xoga aos pelouros.

Outra das cousas que lle da «realidade» a esta liorta son os lugares polos que transcorre. Porque José María quixo darlle protagonismo nesta historia a algúns dos espazos que foron importantes na súa vida. Así que da ría de Arousa viaxa a narración ata Carnota, por exemplo, un dos lugares nos que el viviu. Quizais en vindeiras novelas coloque este rianxeiro aos seus protagonistas en Bueu, en Vilagarcía ou na Alta Saboia, onde pasou moitos anos exercendo como educador dos fillos dos emigrantes. Foron tempos difíciles, unha cadea de momentos difíciles e doutros que non o foron tanto. Un tempo que agora volve, de cando en vez, na forma de cartas dos vellos amigos. Quen sabe se algún día, nalgún deses sobres, chegará outra desas historias empeñadas en que José María a conte.

O autor e a obra. O rianxeiro é un mestre que escribiu o libro na década dos sesenta, pero tíñao gardado ata que decidiu facer unha edición para agasallar á familia. A narración está ambientada en lugares nos que viviu, na ría de Arousa e en Carnota.