Namorados do ruxir de vellos motores

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Posúen coches antigos e queren xuntar aos barbanceses que comparten a súa afección

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo do motor conta con moitos adeptos. Hai apaixonados da velocidade, outros que soñan con ter coches de alta gama e uns poucos que admiran os vehículos clásicos, eses que non acadan os 140 quilómetros por hora, que carecen de aire acondicionado e que se abren cunha chave metálica; auténticas pezas de museo con motores que roxen de xeito especial. Neste último grupo encaixan os boirenses David Fuentes e Óscar Lorenzo. Non contentos con ser propietarios de xoias dese tipo, que se caracterizan por teren máis de 30 anos de antigüidade, decidiron fundar unha asociación co fin de agrupar aos seus semellantes e, se xorde a posibilidade, estender a afección pola comarca. Son os impulsores de Clásicos do Barbanza, unha entidade que conta xa cuns vinte integrantes.

David Fuentes, o presidente do colectivo, cumpriu un dos seus soños cando, hai sete anos, se fixo cun Seat 132 do 1979, unha unidade ben conservada dunha serie da que xa quedan moi poucos exemplares. Con esta adquisición culminou unha afección que lle viña da infancia: «O mundo dos coches tiroume desde pequeno. Tanto meu pai coma eu traballamos sempre en talleres e medrei entre motores». Asegura, con certa nostalxia, que os vehículos clásicos permítenlle botar a vista atrás: «Cando os vexo penso nos coches nos que paseábamos hai anos, cando non había tantos modelos como agora. Lembro aqueles vellos tempos».

No caso de Óscar Lorenzo, el confesa que desde neno estaba namorado dun modelo concreto, os singulares escaravellos. Non parou ata conseguir un, aínda que anos despois o cambiou por un Jaguar deportivo do ano 1988: «Penso que, como ocorre na maior parte das afeccións, cando empezas xa non podes parar e aspiras sempre a mellorar».

O xurdir da asociación

Coas súas xoias, estes boirenses empezaron a coincidir con outros barbanceses en concentracións e exposicións de vehículos antigos que tiñan lugar en diferentes puntos de Galicia e mesmo en Portugal. Cada vez que se vían comentaban a necesidade de levar a cabo actividades similares na comarca, onde calculan que pode haber un cento de motos e coches que encaixan no perfil de clásicos, para o que teñen que ter un mínimo de tres décadas de antigüidade. Hai unhas semanas, David Fuentes e Óscar Lorenzo decidiron que chegara o momento de tomar unha decisión: «Queremos agrupar a todos os donos de vehículos deste tipo da zona para poñer en marcha iniciativas diversas», explica o segundo.

Por unha banda, teñen previsto levar a acabo rutas e concentracións, a primeira delas, a vindeira primavera. E por outra, creen na unión de forzas como medio para obter beneficios: «Queremos ofrecer apoio no relativo á tramitación da documentación e tamén vantaxes á hora de contratar un seguro. No futuro, a idea é tamén dispoñer de talleres que lle ofrezan descontos aos nosos socios para a reparación e a restauración de vehículos», explica Óscar Lorenzo.

Os dous coinciden á hora de destacar que os moven as gañas de conservar o patrimonio automobilístico que saben que existe en Barbanza: «É moi fermoso rodar con estes coches, compartir unha comida e intercambiar opinións e experiencias con persoas que teñen a mesma afección», comenta Lorenzo. A súa idea é formar unha directiva que teña unha ducia de persoas, cunha delas dedicada ao eido das motos e, logo, un representante por cada municipio, de forma que todo o territorio quede cuberto.

Polo de agora, estes boirenses están afanados na procura de socios. Aseguran que a entidade está aberta a todos os que queiran sumarse e gozar, conxuntamente, do mundo do motor.

A entidade. Clásicos do Barbanza é unha asociación dirixida tanto a propietarios de coches como de motos antigas, é dicir, cun mínimo de 30 anos.

Inscricións abertas. Todos aqueles que desexen sumarse ao colectivo poden enviar un correo electrónico a clasicosdobarbanza@yahoo.es.