José Ramón Parada: «Hai que buscar o compromiso do equipo e sumar algunha peza máis»

BARBANZA

DANI GESTOSO

Rematado un longo camiño como xogador, afronta o reto de crear un bloque sólido dentro do vestiario de Santa Lucía

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A experiencia de décadas no mundo do rugby levou a José Ramón Parada López (Vilagarcía, 1973) ata o vestiario de Santa Lucía. O novo técnico do Barbanza Rugby Club, que xa exercía na canteira dos Ingleses, busca ensamblar un bloque sólido, dotalo dunha entidade propia e, se segue o próximo ano, pelexar polo ascenso de categoría.

-Comezaron a liga contra o Ourense, ¿como afronta este novo reto?

-Traballaremos paso a paso. Contamos con moita xente nova. Algúns levan dous ou tres anos practicando este deporte e outros nin iso. Hai rapaces que teñen que adquirir os conceptos básicos desta disciplina.

-Ao fútbol feminino acontécelle algo similar. É moi complicado contar con xogadoras que leven xa dende rapazas practicando esta disciplina.

-É así. Quedan moi poucos xogadores de rugby en Barbanza. Este ano conseguimos xuntar 23, contando comigo, pero no verán éramos 15, 16 ou 17. Hai que buscar o compromiso do equipo e sumar algunha peza máis. Queremos que se dea a coñecer o rugby, que para min é o mellor deporte do mundo [ri]. Moitos pensan que estamos tolos, que só andamos a golpes entre nós, pero non é certo. É algo totalmente distinto, e non só porque ao rematar o partido compartas o terceiro tempo co conxunto rival.

-Entendo que o problema da falta de xente debería paliarse reforzando a canteira. ¿Como se atopa a do Barbanza?

-Polo momento hai sete rapaces que están indo a adestrar a Vilagarcía, xa que o Barbanza é o filial dos Ingleses. Se houbera un grupo máis amplo poderían facerse as sesións aquí. Alá teñen máis material, máis adestradores... Eses rapaces, se seguen traballando ben e chegan á categoría sénior, serán o futuro do club.

-Para competir con adultos é fundamental ter adquiridos certos conceptos.

-Está claro que se un rapaz é habilidoso e corre ben pode practicar calquera deporte. Pero moitas veces atópaste con xente que non é coordinada, que lle custan os exercicios e tarda máis en adaptarse. Se empezas desde pequeno, cando chegas a adulto vas a facer certas cousas por instinto. As normas do rugby son diferentes ás de calquera outro deporte. Tes que estudalas, pero unha vez o fas, non son nada complicadas. É moi divertido.

-A pesar de que acaban de comezar, Santa Lucía conta cun nutrido grupo de afeccionados.

-O club traballa moi ben á hora de difundir os partidos. O ano pasado xa xoguei algún encontro aquí e o certo é que acode bastante afección. A grada está bastante chea. É algo que me sorprendeu. Ao que lle gusta o rugby non lle importa vir dende lonxe, polo que se suma moita xente de Vilagarcía. Animan moito e iso é importante para os que están no terreo de xogo.

-¿Por que decidiu asumir a dirección do conxunto?

-Levaba moitos anos xogando e o xeonllo non anda moi ben [ri], xa o tiven que operar en varias ocasións. En Ingleses estou coas categorías base, pero tiña ganas de coller un conxunto sénior. Logo de coñecer á xente do Barbanza, fixen esta aposta. Son encantadores.

-¿Que meta se marca a medio-longo prazo?

-O obxectivo sería ascender a primeira para o próximo ano, pero o club ten que estar contento comigo despois deste [ri]. Creo que hai o potencial suficiente para facelo. Débese ter un compromiso e ir adestrar. A veces é complicado, porque os rapaces traballan a quendas ou estudan en Vigo, A Coruña e Santiago... Se fósemos vinte persoas en cada sesión sería perfecto.

-¿A quen ve como firme candidato a pelexar pola cabeza da clasificación?

-Penso que Santiago, onde xoguei hai uns catro anos, é un dos rivais a bater. Ourense, ao que lle ganamos nos dous encontros o ano pasado, tamén ten potencial se fai algo similar ao da primeira xornada de liga, na que baixaron a xente do conxunto que milita en División de Honra B. Desa maneira están moi por enriba do resto, teñen outro ritmo. Se contas con cinco mozos que saben xogar, que coñecen as estratexias e os movementos a facer, tes moito adiantado. É un paso moi grande. Zalaeta, que fichou a un moi bo adestrador, e Vigo, tamén serán dos que pelexen pola cabeza da competición.