Un seminario para reconstruír a memoria

La Voz

BARBANZA

cedida

A Nova Escola Galega analiza nunhas xornadas a historia dos prisioneiros dos campos de traballos forzados

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Reconstruír a memoria histórica no contexto escolar. Ese é o obxectivo do seminario da Nova Escola Galega que este ano celebra o seu décimo aniversario co título Omeomonte, e que nesta ocasión analizará especialmente a situación dos prisioneiros e das mulleres represaliadas na ditadura. Rianxo, O Pindo e Quilmas serán os escenarios nos que terán lugar as actividades, que se celebrarán entre este venres e o domingo.

Non obstante, como anticipo, onte inaugurouse no instituto Félix Muriel de Rianxo a exposición fotográficas Reixas: mulleres baixo o terror franquista, que foi organizada pola xornalista e escritora Montse Fajardo Pérez. Precisamente, este centro educativo acollerá a apertura do seminario o venres, ás 17.00 horas, cunha conferencia da profesora da Universidade da Coruña Sara Caroa, que falará dos campos de traballo, unha temática que tamén capitalizará a charla do seu compañeiro Uxío Breogán Diéguez (19.00 horas).

Presentación literaria

A presentación do libro

A madriña

, de María del Carmen Caramés (20.00), e unha homenaxe aos prisioneiros dos campos de concentración de Rianxo porán fin aos actos.

A sede da confraría do Pindo acollerá a segunda xornada do seminario, que comezará cunha charla do historiador Luís Lamela sobre os refuxios de sindicalistas que houbo neste municipio (10.00), e que poderán coñecerse a continuación nunhas visitas guiadas por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural. A proxección do filme A Mariñeira, de Antón Dobao, e unha mesa redonda sobre as testemuñas da represión completarán esta segunda xornada.

O domingo chegará o punto e final deste décimo seminario, que volverá a ter como escenario á confraría carnotá. O profesor Miro Villar falará dos prisioneiros no campos de concentración de Francia (10.00 horas), e logo haberá una visita polos lugares relacionados coa memoria histórica no Pindo, para acabar cunha comida e unha asemblea de campo.