A idea é aplicar a computación de altas prestacións e o Big Data para resolver este e outros problemas no campo da xenómica. José Manuel xa ten publicado varios artigos sobre esta cuestión en revistas especializadas, algúns con bastante éxito e citados por outros autores e investigadores nos seus traballos, e espera que non sexan os últimos. De momento, grazas á beca de investigación que vén de conseguir, ten por diante tres anos para seguir traballando neste campo. Logo, xa se verá.
Pouca estabilidade
Neste sentido, o rianxeiro recoñece que no campo da investigación existe unha elevada inestabilidade laboral, e o desenvolvemento da carreira profesional depende fundamentalmente de bolsas e axudas para proxectos concretos. A isto engade que, ao final, é unha obriga saír fóra. El pasará os dous próximos anos traballando en Portugal, cun equipo multidisciplinar da universidade de Barcelos, e logo volverá a Santiago. Xa tivo que estar unha tempada en Alemaña, na universidade Johannes Gutenberg de Mainz, con outra bolsa para sacar adiante a súa tese doutoral: «Ao final teste que ir fóra, e hai moitos que logo xa non volven, adáptanse a vivir no estranxeiro e teñen mellores condicións, ¿para que van volver?».