A racionalidade dun pastor

Carlos Henrique Fernández coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

S an Esteban de Cuñaba foi o primeiro en recibir o premio Pueblo Ejemplar de Asturias grazas á súa autenticidade e encanto rural -apenas alterados no tempo-, características básicas para o seu modelo de desenvolvemento actual e futuro. Conectados por unha estreita estrada pola que non collen dous coches ao mesmo tempo, os seus 46 habitantes viven afastados do modelo urbano imperante grazas ao pastoreo, á fabricación e venda de queixos e ao cultivo da castaña, que venden nos mercados próximos e no bar da localidade. Grazas ao galardón acadado, moitos visitantes chegan a Cuñaba coa idea de vivir un lugar que non perdeu o seu encanto rural, sen présas, sen masificacións.

Ata hai pouco tempo, Manolo Corces era o seu alcalde pedáneo e o verdadeiro impulsor das iniciativas da súa colectividade. Por desgraza, morreu ben mozo, pero deixou o legado do pensamento. Un día de verán, o meu amigo Jaime Izquierdo -co que gardaba unha boa relación- insinuoulle que podería utilizar o seu contacto coa Casa Real para ampliar a estrada e poder recibir máis turistas, aínda que llo dixo de xeito provocador. Case ofendido, díxolle a Jaime que lle parecía inxusto pedir ao rei algo que non necesitaban e que lles prexudicaría, porque subirían autocares cheos de curiosos excursionistas que alterarían a tranquilidade dos peñamelleros e farían perder o encanto da vila, incluso deixarían lixo innecesario e poucos beneficios lles ía reportar. Era a visión nítida dun pastor racionalista, non contaminado polo mundo consumista. Cuñaba mantén o encanto e non precisa das masas para vivir mellor.