Nebra mantén viva a memoria dos seus mártires contra a manipulación e o silencio

A ponte de Cans foi escenario de dúas novas homenaxes aos veciños falecidos nas revoltas de 1916


Ribeira / La Voz

Había tempo que Porto do Son non vivía un 12 de outubro tan chuvioso coma o de onte, pero catro pingueiras non son suficientes para que en Nebra se dilúa o recordo das cinco persoas que perderon a vida a comezos do século pasado loitando contra a inxustiza. Veciños da parroquia volveron reunirse na tarde de onte na ponte de Cans para manter viva a súa memoria contra a manipulación e a tentación de silenciar as revoltas que tiveron lugar na zona en 1916.

Como vén sendo habitual, foron dous os actos de homenaxe que tiveron como escenario a ponte de Cans, onde se realizaron ofrendas florais ante o monólito dedicado aos mártires. A primeira correu por conta do BNG sonense. Balbino González Montemuíño, que será o candidato nas vindeiras eleccións municipais, actuou como mestre de cerimonias nunha homenaxe que, como recoñeceu, quedou deslucida pola chuvia.

A pesar do mal tempo, os nacionalistas mantiveron o acto como estaba previsto, aínda que máis breve, e Balbino González subliñou a necesidade de facelo porque «non queremos que isto caia no esquecemento porque iso dá pé á manipulación, como acabamos de ver que fixo Feijoo co cadro de Castelao A derradeira leición do mestre».

No seu breve discurso, tamén puxo de relevo «a valentía da xente, que se rebelou contra un imposto inxusto». Na súa opinión, os mártires de Cans, e os veciños que, coma eles, protestaban aquel 12 de outubro de 1916, demostraron que «sen loita non se consegue nada, e eles perderon incluso a súa vida por unha inxustiza».

Segundo acto

Máis tarde foi a homenaxe organizada por veciños e descendentes dos mortos de Nebra a que se desenvolveu na mesma ponte baixo unha persistente chuvia. A ofrenda estivo acompañada dun agradecemento aos asistentes, que logo participaron nunha misa en memoria dos falecidos.

Os actos de recordo comezaron xa a media tarde coa presentación do ensaio de Patricia Torrado Mulleres en loita a comezos do século XX, que recolle, entre outras, a revolta de Nebra poñendo en valor o papel, case sempre silenciado, das mulleres.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Nebra mantén viva a memoria dos seus mártires contra a manipulación e o silencio