Os castigados de sempre

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei de que se asustan porque aparecesen os dun partido de ultradereita enchendo un pavillón de supostos acólitos. Aínda me atrevo a ir máis lonxe ao dicir que do crecemento dos apoios a formacións radicais coma esta poden sacarse conclusións, incluso leccións, pero para facelo é necesario profundar no análise dos porqués sen deixarse levar polas tendencias e ideoloxías individuais ou colectivas.

Revisemos a historia, incluso as lendas, e ata feitos recentes. Atoparemos unha manchea de individuos que se proclamaron salvadores dos cidadáns, das patrias, algúns con boas intencións e incluso con loables feitos, pero outros con obxectivos máis espurios, incluso ruíns. E cando agroman estas persoas? Cando a inxustiza enfada a un pobo, e, mentres hai quen dá un paso para intentar reverter a situación, tamén hai outros que o fan para o seu propio beneficio, sen que en realidade lles importe nin o máis mínimo o benestar social. Porén, é posible que os badulaques gañen unhas eleccións, pero o seu percorrido acostuma ser curto, aínda que admito que feitos houbo que matizan esta conclusión, pero foron contados e todos, ou a gran maioría, acabaron mal.

Dicía un bo amigo que en España estamos sempre en eleccións, e non lle falta razón se miramos ao futuro máis próximo. O vindeiro 2019 serás as municipais e as europeas, e no 2020 coinciden as galegas e as españolas, iso sempre que non se adianten, o que, no caso das estatais, é moi posible pola inestabilidade política. Se a esta continua cita coas urnas lle sumamos o descontento que hai, porque a economía doméstica vai de pena, por moitas burras que nos vendan; porque a desconfianza na clase política segue en aumento, xa que é difícil atopar ideoloxías ou actuacións coas que nos sintamos identificados sen ter que tapar o nariz, ou mirar para outro lado; ou porque non queda ningún, ou case ningún, poder ou alta institución á que empregar de exemplo de boas prácticas, xa temos o caldo de cultivo para que xurdan máis viláns que Robin Hoods, co que, en caso de gañaren, o mal acabará empeorando.

O malo do caso é que poucos quedan que estean lexitimados para pedir á xente que teña sentidiño, pero eu vouno facer, porque si é certo que creo que algunhas situacións comprometidas é mellor que toquen fondo para que o rebote as leve ao seu xusto lugar, non son quen de pensar que apoiar a individuos, partidos ou entidades pouco serias, por non empregar cualificativos máis duros, sirva de castigo para aqueles que defraudaron a nosa confianza; máis ben inclínome a concluír que, coma sempre, os prexudicados seguiremos sendo os habituais, os cidadáns rasos.