Manuel Ángel Pena: «Temos que gañar, pero non vale de calquera forma»

s. gómez

BARBANZA

MARCOS CREO

Tralos vaivéns deste verán, recoñece que o seu obxectivo pasa por inculcar unha idea no vestiario e acadar a salvación

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Ángel Pena (Ribeira, 1978) non precisa presentacións no fútbol barbancés. O mítico xogador ribeirense exerce agora como técnico do CD Boiro xuvenil. Tralos vaivéns deste verán, recoñece que o seu obxectivo pasa por inculcar unha idea no vestiario e acadar a salvación.

-Logo duns meses tan incertos, ¿que meta se marca esta tempada?

-Houbo problemas no club e incluso non tiña clara a miña continuidade. Cando a situación se estabilizou foi complicado confeccionar un equipo. Contábamos con 12 xogadores de terceiro ano e ao final só quedaron tres. Iso faiche variar as metas e actualmente non temos outra que manter a categoría. Queremos implantar unha proposta, pero, a pesar de que hai calidade, é difícil.

-¿Que Boiro quere que se vexa?

-Dende que dirixo equipos sempre quixen que mandasen a través do balón e iso custa un tempo de adaptación.

-Canto máis arriscas máis confianza fai falla.

-A confianza é fundamental. Hai rapaces que veñen doutros clubs e están acostumados a outras propostas nas que se complicaban menos. Teñen máis dúbidas co balón. Precisamos unha boa racha. Temos que gañar, pero non me vale de calquera forma. O primeiro é adaptarnos ao que desexamos facer. Ademais, a liga é moi física e dura.

-Tampouco tiveron demasiada sorte coas lesións.

-Esta semana teremos oito lesionados. Ata o de agora non puidemos adestrar cun número de xente suficiente para poder incidir en certos aspectos tácticos. A maiores contamos con dous xogadores que se mancaron o cruzado e non estarán de volta ata dentro de un ou dous meses. Ambos son dos que lle darían un salto de calidade ao resto do conxunto.

-Valorando a xuventude do proxecto, ¿que futuro lle ve?

-Se nos mantemos e o bloque segue podemos comezar a mirar cara retos maiores.