Amparo Perol e Orente Barreiro: Agricultores con máis de 90 primaveras

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

BARBANZA

alvite

Incapaces de descansar, realizan estes días os traballos de recollida do millo

09 oct 2018 . Actualizado a las 10:43 h.

En conxunto teñen 184 anos, 7 meses e 25 días, máis que a idade de todos os menores de idade que residen a día de hoxe na súa parroquia, a de San Fins de Eirón, no termo de Mazaricos. Amparo Perol Cuns e Orente Barreiro Leis naceron no 1926 nas aldeas de Outeiro e de Eirón. «Ela en marzo e eu en agosto. É máis vella pero está ben mellor conservada que min, que me doen moito as pernas», sinala Orente ao que a dona responde de inmediato cun rotundo «non fas máis que queixarte, traballa e déixate de lerias».

Os dous teñen unha envexable lucidez mental, moito sentido do humor e unha fortaleza física que, entre outras moitas cousas, lles permite estar esta semana esfollando o millo nunha finca próxima á súa vivenda. «Nada. Xa non facemos nada. Só é por lle botar unha man ao fillo e á nora, que teñen moito traballo. Ademais, se non fas nada o corpo encóllese e non dan pasado os días», apunta Amparo que prefire esfollar de pé: «Teño moita artrose nos xeonllos e despois cústame máis levantarme».

Orente, pola súa parte, quéixase da vista. «De cerca aínda me vou arranxando -nin sequera usa gafas-, pero de lonxe xa me custa máis. Cada día máis achaques, pero debe ser normal cando un vai indo vello», comenta con certa sorna antes de recoñecer que se segue valendo por el mesmo e que iso «non hai cartos no mundo que o paguen».

El tampouco levou unha vida regalada. Estivo en Barcelona, Inglaterra e Suíza, sempre vinculado ao sector da construción, unha actividade que, como conta, era bastante máis dura que hoxe en día. «Faciamos de todo: casas, almacéns e, sobre todo, asfaltados. Axudei a facer miles de quilómetros de estradas, porque era a época en que se empezaban novas rúas. Era un traballo duro no que había que cargar pesos e estar moitas horas para sacar un soldo bo, pero era para o que valiamos daquela», explica Orente, que tamén botaba unha man na casa cando podía.

Máis traballo no pasado

«Tivemos tres fillos e os tempos daquela non che eran os de hoxe. Para mantelos e sacalos adiante había que pasar moitos sacrificios», apunta Amparo, que ademais das tarefas domésticas ocupábase do coidado das vacas. «Daquela había que facer de todo. Traballabas na casa e nas leiras, non había parada», explica sen deixar por un momento de separar en caixas, atendendo ao seu tamaño, as espigas de millo que este ano son especialmente grandes. «Levábamos sete ou oito anos botando a nosa semente da casa e este ano cambiamos por unha comprada. As espigas do noso aínda eran mellores, pero estas tampouco teñen moita queixa», sinala a veterana agricultora que aparta un mando de follatos -a planta xa esfollada- para facer sitio a outra das múltiples caixas valeiras que garda no remolque do tractor.

«Isto non é nada. O que da traballo é botalo despois para o hórreo. Aínda que diso xa se encargan os novos», apunta Orente, que explica que este ano apenas sementaron millo en comparación a como se facía fai tres ou catro décadas. «Nós botamos esta leiriña de seis ferrados e unha pequena alí máis enriba, na volta da casa. Nada comparado co que sementabamos cando eramos mais novos. Daquela pasábamos as noites esfollando, axudándonos entre os veciños. Dúas ou tres semanas non faciamos outra cousa porque ademais de para facer o pan, esta era a comida dos animais da casa».

Son case as oito da tarde e empeza a facer frío en Socasas, a finca onde esfolla a parella. «Imos apurar algo a ver se acabamos este anaco. Deus che dea saúde a ti e aos do periódico». Amparo despídese cun sorriso e unha espiga de millo na man.