O primeiro retrato do mar de Arousa cobra nova vida

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

BARBANZA

MONICA IRAGO

Teófilo Comunicación edita un coidado facsímile do mapa da costa arousá que Domingo Fontán soñou en 1828

09 oct 2018 . Actualizado a las 10:42 h.

Cando en 1828, logo de 11 anos percorrendo o país a pé e en burro para medir e triangular cada lugar, cada parroquia, Domingo Fontán (Portas, 1788-Cuntis, 1866) se puxo a debuxar por fin a súa Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro que plasmou foi a ría de Arousa. Nese mesmo ano, en 1828, publicábase o plano da ría de Arousa, o primeiro e máis detallado retrato do noso mar, que agora, douscentos anos máis tarde, vén de recuperar Teófilo Comunicación en forma de facsímile. O mapa, que xa está á venda, preséntase no interior dun cilindro no que se relatan os principais chanzos da vida do xenial xeógrafo, matemático e político. O home que legou a Galicia o seu primeiro mapa moderno, expresado en metros no canto das varas castelás que dominaban as medidas do XIX.

O plano da ría presentouse onte en Vilaxoán. Teófilo xoga alí, literalmente, na casa. Participou no acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen glosou de xeito didáctico a figura de Fontán, inexplicablemente esquecida para o gran público. Tamén Miguel Santalices, presidente do Parlamento, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. Pero, sobre todo, as voces da coral Vilaxoán Canta e a presenza de Paquita, a súa veciña máis lonxeva, con cen anos cumpridos. Horas antes, a universidade e a Real Academia de Ciencias celebraban a Fontán, a quen se dedicou o día da Ciencia. A mellor homenaxe é este mapa.