Rodrigo Rato

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sequera fose polo máis elemental decoro que todas as persoas deberiamos ter, non se entende como todo un Rodrigo Rato tamén emporcou a súa honra e prestixio co fraudulento uso das tarxetas black, tanto por ter sido quen foi como polo que se esperaba que fose. Pero, aínda tendo éxito a súa xestión ministerial, tamén cómpre facerlle algún que outro reproche como a gran tacha de non tomar a decisión de reconducir a deriva das caixas de aforro como consecuencia daquela Lei 13/1985, que, entre outras desfeitas, deixou sen servizos bancarios a lugares como Xuño, Corrubedo ou mesmo vila vella de arriba e vila vella de abaixo.

Derivado da devandita lei, algúns sisudos analistas consideran que foi no ano 1989 cando realmente morreron as caixas de aforro, de tan fonda tradición e arraigo entre a poboación de baixa e pequena clase social española, co gallo da publicación do Real Decreto 1582/1988 de 29 de decembro, de modificación do Real Decreto 1370/1985, en materia de expansión de entidades de depósito, sendo ministro o socialista Carlos Solchaga.

En síntese, estas normas permitían que as caixas de aforro, entidades de natureza xurídica pública, pasaran a operar en igualdade e cos mesmos criterios que a banca privada e, xa se sabe, «cando un cabalo monta unha burra ou sae mulo ou sae mula», que son animais estériles, pero non debemos esquecer outro pequeno detalle case desapercibido: nos seus consellos de administración podían sentarse dende políticos infestados ata sindicatos infecundos. ¿Estarían pensando niso os seguintes gobernos deste país? ¡Quen sabe!.