Beatriz Molinos: «Por enriba das grandes actuacións está a resolución dos problemas dos veciños»

J. m. sande

BARBANZA

sande

Hai catro anos entrou na política local e os acontecementos fixeron que acabara sendo a máxima responsable do goberno local

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos comicios municipais do 26 de mayo, Beatriz Molinos será a candidata do PP para revalidar a alcaldía de Outes. A súa incorporación á política municipal é recente, cumpríronse agora catro anos, pero neste tempo acumulou unha importante experiencia. A renuncia como mandatario do falecido Carlos López Crespo, que foi elixido parlamentario autonómico, propiciaron que o 25 de agosto do 2016 tomase o bastón de mando da alcaldía. A rexedora asegura que a súa primeira toma de contacto co goberno local foi determinante.

-¿Como lembra aquel primeiro encontro?

-Invitáronme a asistir a una reunión do grupo de goberno, como paso previo á miña incorporación á política local, e quedei abraiada. En Outes, os membros do grupo popular teñen delegadas competencias municipais en cada localidade e nesa reunión vin coma cada un daba conta das deficiencias na súa parroquia e defendía a necesidade de atendelas. Estes non precisan oposición, pensei, pois ninguén poñerá tanto esforzo en defender a necesidade de facer obras ou mellorar servizos en cada lugar. Ademais, ninguén elude a autocrítica. Esa forma de ver a vida municipal por parte dun grupo moi unido que ambicionaba a mellora da calidade de vida dos seus veciños enganchoume. Ese mesmo día ratifiqueime en que quería formar parte dese equipo.

-¿Prometéronlle que no futuro sería o relevo na cabeza de lista?

-Para nada. Regresei a Outes por problemas familiares e, unha vez no pobo, xa podía dedicarme de cheo á actividade pública local, xa que unha das premisas da nosa formación é que todos os membros da candidatura teñen que residir no municipio, xa que só así se poden coñecer as inquedanzas dos veciños. Fun de segunda nos comicios do 2015 e as circunstancias motivaron que acabara presidindo a corporación.

-Nos comicios do 2019 si vai liderar a lista.

-Así mo propuxo o partido e imos traballar para seguir gobernando en Outes. Xa iniciamos contactos para elaborar a lista e confeccionar o programa que presentaremos aos cidadáns.

-¿Cales son as prioridades?

-Para nós é prioritaria a atención individualizada. As persoas son o noso obxectivo. Por enriba de grandes actuacións está a resolución dos problemas diarios dos nosos veciños. O Concello non ten dificultades económicas e temos resolto o equipamento da maioría dos servizos municipais. Por iso debemos esforzarnos por atender os problemas viarios e de adecuación urbanística de cada un dos 153 núcleos de poboación, así como procurar ofrecer opcións dignas e axeitadas en materia de formación, cultura, ocio, deporte, atención aos maiores. Tamén colaborar con cada unha das entidades asociativas parroquiais, para que todos os veciños dispoñan dunha alta gama de servizos públicos, cunha calidade similar á que gozan os habitantes de calquera cidade galega.

-¿Quedan actuacións pendentes neste mandato?

-Hai algunhas cuxa realización está próxima, como a segunda fase de humanización da travesía da Serra, a mellora da avenida de San Campio ou a reposición da cuberta e conversión en sede sociocultural do primitivo edificio do Emilio Navasqüés. Tamén aspiramos a establecer un convenio para a recuperación dunha carpintería de ribeira, cunha ampla finalidade, como será preservar a tradición construtiva, incentivar a formación, impulsar o turismo e dotar de servizos básicos ao marisqueo.

-O arranxo da avenida de San Campio experimenta unha importante demora.

-Trátase dunha obra financiada pola Deputación da Coruña, e correspóndelle a esa Administración adxudicar e velar pola súa realización. Discrepancias entre o ente provincial e a empresa, que provocaron a súa paralización. O Concello conseguiu que se anulase ese contrato, que se fixera un proxecto novo e que se saque a actuación outra vez á licitación. Na nova obra inclúense melloras en todos os aspectos.

-Indicou que xa están elaborando o programa, ¿por onde van as súas apostas?

-Defendo a igualdade de toda a poboación sen diferenzas por sexo, condición ou lugar de residencia. Formaremos unha candidatura de persoas serias, responsables e con experiencia. Xente que viva en cada unha das parroquias. E farei todo o posible para axudar aos colectivos nos que observo máis necesidades, como son a xuventude e a terceira idade.

«Contamos con bos profesionais no eido turístico»

A rexedora amósase satisfeita de que o partido confiara nela para liderar a lista.

-Vostede afirma que o turismo é unha das alternativas de desenvolvemento de Outes, ¿que se fai dende o Concello?

-Contamos con bos profesionais no eido turístico, e con xente moi emprendedora. Diso son unha boa mostra os negocios de hostalería, as casas de turismo rural, os hostais e residencias. Ao mesmo tempo, temos unha boa e variada oferta de ocio. Dende o Concello apoiamos e axudamos en canto é posible a todos os que queren iniciarse, mellorar ou ampliar os seus negocios. Xunto a iso, facemos un constante labor para a promoción das diversas opcións turísticas, participando nos principais foros do sector. Igualmente, colaboramos en tódalas iniciativas turísticas que se levan a cabo na nosa comarca. O que buscamos é ir da man para dar maior promoción á oferta existente e favorecer a súa ampliación.

-Un dos grandes problemas do municipio é a perda constante de poboación.

-O cambio nos hábitos sociais e laborais, o descenso da natalidade e o feito de que nos atopemos nunha zona periférica motiva que o número de habitantes non consiga manterse. Co propósito de atallar ese descenso poboacional, dende o Concello incentivamos o emprego con intervencións en materia de formación e con estímulo e axudas para emprendedores. Ofertamos servizos complementarios á educación, como son as tardes divertidas, o punto de atención á infancia, as escolas de música e deportivas, as becas para transporte a universitarios, e un amplo programa de axudas á terceira idade. Dende o Concello queremos favorecer a conciliación laboral e impulsar todas aquelas posibilidades de desenrolo do noso territorio. Buscamos incrementar a calidade de vida dos veciños e ofertar todo tipo de servizos de conciliación.