Ricardo Ribeiro: «Esta é a nosa gran festa»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O presidente do Club Barbanza-Oziona aposta por seguir traballando co deporte de base

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucas persoas que sintan tanta paixón por un deporte como Ricardo Ribeiro (Boiro, 1945) polo ciclismo. Fundador do Barbanza-Oziona fai xa 34 anos, exerce como alma máter do Día da Bicicleta. O boirense recoñece que esta é a xornada perfecta para que pais e nenos coñezan un deporte cheo de encanto e que de paso sexan máis sensibles aos riscos que sofren os ciclistas na estrada.

-Chega outro Día da Bicicleta, ¿como o espera?

-Ao que nos move este deporte gústanos ver rodar as bicicletas [ri]. Cada ano a asistencia aumenta e iso é porque a sociedade acepta o noso deporte. Existe moita máis disposición ca nunca, tanto pola propia xente como polas institucións e empresas. O apoio medrou moitísimo nos últimos anos.

-O voso club fai un esforzo para que isto sexa real.

-Merece a pena. Isto danos máis forza. Fai tempo que xa non somos os bichos raros que estorban na estrada e este día é un dos motivos [ri]. A bicicleta medrou moitísimo, xa non só na estrada, senón tamén no monte. Forma parte das nosas vidas. Todas as fins de semana podes ver a xente saíndo a pasear nela.

-Entendo que a xornada é tamén importante para que os participantes se conciencien da vulnerabilidade que sofren os ciclistas na estrada.

-É unha das cuestións máis importantes. A xente dáse de conta ao momento dos riscos que se corren. Non é só que mires pola túa seguridade, tamén o fas polo compañeiro do lado. Esta é a mellor forma de aprendelo.

-É ademais unha gran canteira para o Barbanza-Oziona. ¿Como se atopa o club?

-O Día da Bicicleta é unha festa do deporte. Ver aos rapaces sobre as dúas rodas atrae moito, non é o mesmo que ver a adultos. Os pais acaban tamén enganchados. O Barbanza viviu os seus problemas, pero agora está nun bo momento de saúde. Antes os nenos non aparecían e non pasaba nada, agora, os pais chámante, avísanche. Pídenche desculpas. Dígolles a todos que non é algo necesario [ri]. Iso demostra o respecto que teñen cara nós e cara o esforzo que fan os deportistas.

-¿Ve ás familias máis implicadas?

-Por suposto. Antes algúns deixaban aos nenos alí e marchaban. Agora ofrécense a botar unha man. O outro día comezou nas escolas deportivas unha nena duns 8 ou 9 anos. Non é de Boiro e sorprendeume como ao segundo día xa viñeron a nai e o pai. Queremos que aprendan a manexar a bicicleta, que adquiran ese dominio.

-Espérase rozar de novo os mil participantes. A cifra é espectacular.

-Si, o certo é que as expectativas son altísimas. Chegáronos noticias de outros clubs da zona que estaban interesados en participar nesta xornada. Creo que iso demostra que en Boiro estanse facendo moi ben as cousas e que se aposta polo deporte.

-Este ano o seu club cumprirá 34 anos. ¿Por que decidiron crealo?

-Fixémolo por cabezudos. O finado de Luis Somoza, que foi o primeiro presidente do Barbanza, tiña claro que se debía facer unha cousa diferente na comarca. Insistiu moito, quería que os rapaces tiveran un lugar onde aprender un deporte tan saudable como este.