Amigos de Plácido Betanzos promoven unha homenaxe para perpetuar os seus valores

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Quince persoas unidas polo cariño que profesaban ao escritor pretenden dedicarlle unha rúa e unha escultura

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto catro meses despois do pasamento de Plácido Betanzos, vén de presentarse en sociedade unha comisión de compañeiros en distintos ámbitos e, sobre todo, amigos que ten como obxectivo promover unha homenaxe ao profesor e escritor. Non se trata dun recoñecemento puntual, senón que a finalidade dos impulsores da iniciativa vai más alá dun acto de recordo e o que busca é perpetuar a súa memoria e os valores que o acompañaron sempre.

Carmen García é a voceira dun colectivo que acaba de ver a luz é que está formado por un total de 15 persoas que tiveron relación con Betanzos en distintos ámbitos, desde o docente ao político, o social ou o cultural, e incluso do equipo médico que o acompañou durante o seu último ano de vida. De feito, esta comisión trata de ser tamén un símbolo da amplitude de miras do escritor reflectindo cada unha das súas múltiples facetas. Por suposto, hai un nexo común que os une a todos: «O cariño que lle profesábamos a Plácido».

Baixo esta premisa, comezou a perfilarse o tipo de homenaxe máis acaído e a comisión tíñao claro. Trasladarán un escrito á corporación ribeirense para que conceda o nome de Plácido Betanzos a un tramo do paseo marítimo de Palmeira que remata na zona portuaria, onde se quere instalar unha escultura ou figura alegórica que represente os valores que guiaron ao escritor ao longo da súa traxectoria.

Apoio social

Ademais de Carmen García, forman parte desta comisión Ana Alvite, Carlos Callón, Conchita Casanova, Esteban Castelao, Puri Cores, Xosé Deira, Manuela Gago, Celia García, José Alberto Fernández, José Muñiz, Olegario Sampedro, Pilar Sampedro, José Luis Torres Colomer e Unai González. Durante a presentación, García comentou en nome de todos eles que asumen como «un deber e unha obriga facer esta homenaxe que perpetúe a memoria de Plácido, queremos que a súa traxectoria vital nos siga guiando. E sabemos que non estamos sós nesta proposta».

Neste sentido, a voceira do colectivo subliñou o importante apoio social co que están convencidos que contan e que puido verse en cada un dos actos de recordo que se sucederon tralo falecemento do palmeirense, nos que se destacaron calidades como a súa honestidade, integridade e a defensa das causas xustas. Con todo, por parte da comisión piden un esforzo ao tecido asociativo, e á sociedade en xeral, para que colaboren con eles en facer realidade esa gran homenaxe.

Vanse enviar cartas a distintas entidades pedindo a súa colaboración, ben en forma de donativos ou coa organización de actividades benéficas que permitan recadar fondos para instalar esa escultura chamada a perpetuar a lembranza de Betanzos. Ademais, abriuse unha conta bancaria con esta finalidade: ES07 2080 0385 9530 4001 0942.