Unha pluma para a fantasía e o misterio

A ciencia ficción é o xénero predilecto do autor, que xa ten seis libros no mercado


ribeira / la voz

A ciencia ficción está en auxe e Barbanza non podía quedar á marxe deste xénero. A comarca ten o seu escritor de cabeceira tamén neste estilo. Trátase de Xosé Duncan, un rianxeiro que reside na Coruña e que xa leva publicados seis libros; o último, da man da editorial Galaxia. Trátase de As lembranzas perdidas no lago Antelväri, unha historia que o propio autor compara coas famosas series de Netflix ou con Perdidos, por partir dunha trama real, que se vai pouco a pouco aderezando con elementos máxicos.

No seu caso, Duncan creou unha aldea a carón dun lago, na que situou unha asociación que se dedica ao coidado das persoas maiores. A ciencia ficción chega a través de misteriosas desaparicións que chaman a atención dun xornalista, dun investigador paranormal e dun detective. «Eu catalogaría o libro como realismo máximo, xa que a priori todo podería ser real, pero detrás do traballo desa organización hai algo escuro e diabólico», explica o propio autor.

O que ten claro o rianxeiro é que, despois de colaborar con Contos Estranos e Urco, este sexto libro supón un gran salto: «Nun xénero tan singular e complicado, entrar en Galaxia, sen desmerecer ás outras editoriais, é moi importante. Primeiro, porque as esixencias non son as mesmas e, segundo, porque a promoción é moito maior». Duncan estreouse no eido da literatura cunha triloxía: As crónicas de Bran: «Volumes de fantasía épica, con magos, dragóns, druídas, orcos, trols...». E continuou coa novela de terror Hostal morte e con Negruña, unha obra de ciencia ficción pura, ambientada na Coruña do século XXIV.

Previamente, o escritor nacido en Taragoña fixera pequenos relatos para Contos Estranos, editorial á que sempre lle agradecerá terlle dado a oportunidade de lanzarse a publicar: «Eu tiña afección pola literatura desde que era un neno, pero foi no 2011, paseando pola Feira do Libro da Coruña, cando vin que esta firma pedía voluntarios para escribir historias de ciencia ficción, cando me animei».

Dous proxectos en marcha

Xosé Duncan confesa que a súa predilección pola ciencia ficción é total. Comezou cando era consumidor de libros e continúa agora como autor: «Creo que nunca escribín algo que non fora deste xénero. Neste sentido, comparo a literatura coa música; pois se escoitas heavy metal, o máis probable é que cando collas unha guitarra na man toques eses acordes. Eu consumía case estritamente libros de ficción e terror, así que cando me decidín a escribir, seguín nesa mesma liña».

E o rianxeiro non deixará, polo menos de momento, de darlle forma a novas historias e mesmo de publicalas. Anuncia que hai só uns días que recibiu a confirmación para o lanzamento dun novo texto, que estará nas librarías o vindeiro ano. Non pode avanzar se repetirá experiencia con Galaxia, nin tampouco mergullarse moito na trama: «Segue a mesma liña de novelas anteriores e mesmo a comparo con As lembranzas perdidas no lago Antelväri, aínda que penso que é un pouco máis realista, afonda un pouco máis na psicoloxía humana e tamén ten un toque poético».

Despois dese sétimo traballo haberá un oitavo, ou polo menos Xosé Duncan está xa traballando nel: «Estou na fase de recollida de información, construíndo a idea, poñéndolle os personaxes e elixindo os escenarios». Tampouco, loxicamente, pode polo de agora avanzar moitos máis detalles, aínda que desvela que a trama está relacionada coa manipulación xenética dos alimentos e é ese tema sobre o que está compilando datos. Asegura que a súa idea é empezar a escribir no prazo dun mes. Está claro que é incapaz de parar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Unha pluma para a fantasía e o misterio