A peste porcina

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

26 abr 2019 . Actualizado a las 17:28 h.

O programa Agrosfera do pasado 29, emitido por TVE, informa de que en Bélxica detectouse un perigoso brote de peste porcina africana con grave risco de contaxio para a industria do sector. Isto, así contado, non deixaría de ser unha anécdota máis do paupérrimo manexo destes e dos demais animais que forman parte da nosa alimentación, senón porque o virus foi encontrado nos xabarís que alí tamén abundan por esa malpocada teima proteccionista da UE que tantos danos ocasiona nas agras, sendo Europa o primeiro exportador mundial de carne de porco e España o primeiro produtor.

Pero o problema máis perigoso está en que a estes porcos salvaxes a enfermidade apenas lles afecta porque desenvolveron, per se, o seu sistema inmunolóxico contra ela. De non ser así houbera suposto o seu exterminio, algo que non acontece cos animais estabulados en produción intensiva. Tamén, aínda que con menos virulencia, este contaxio pode afectar á crianza domiciliaria que, en moitos casos, forma parte da economía de moitos xubilados que nas aldeas practican o autoconsumo para paliar as súas baixas pensións e, incluso, para axudar á familia, cando nunha leira de millo houbo un ataque de xabarís.

Agora ben, o máis preocupante está na actitude da Xunta que, polo que se desprende do seu lexislar e actuar, semella non entender estas características tan propias da nosa tradición e da nosa idiosincrasia e que, ademais, supón unha das poucas reservas para as vindeiras xeracións que cada vez están máis mentalizadas da necesidade de alimentarse de xeito ecolóxico, algo que en Galicia aínda é posible.