Agrafoxo compartiu cos noieses a súa viaxe polo Senegal

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Centos de persoas asistiron a un espectacular acto de presentación do último libro do historiador

30 sep 2018 . Actualizado a las 21:47 h.

De espectacular pódese cualificar o acto no que Xerardo Agrafoxo mostrou aos noieses o seu novo libro: Un país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal. Confluían no Coliseo Noela o inicio do curso da Asociación Cultural Barbantia no que ás publicacións do suplemento A Voz de Barbantia e as conseguinte presentacións do último venres de cada mes se refire, e a cita do historiador coa súa xente, así que centos de persoas acudiron ao emblemático inmoble cultural, e abofé que non marcharon decepcionadas porque a xenerosidade de Agrafoxo permitiulles non só escoitar as verbas de encomio de Antón Riveiro Coello e Malores Villanueva sobre a obra e o autor, senón vivir, en certo modo, a propia viaxe.

Pois iso, nun Coliseo cheo e unha magnífica posta en escena, mérito de Suso Xogaina, auténtico mestre de cerimonias, tomou a palabra Antón Riveiro Coello para lembrar un dato moi significativo: a posta de longo de Barbantia, hai 14 anos, no mesmo escenario coa presentación da obra Unha viaxe no Ford T e co mesmo Xerardo Agrafoxo.

A referencia de Riveiro Coello serviu para facer unha mirada retrospectiva ao percorrido da asociación e aos seus suplementos culturais, que o venres acadaba o número 137, e do propio Xerardo Agrafoxo, ao que considerou relevante escritor de viaxes en lingua galega, se non o único, porque todas as súas obras fan referencia a algún periplo.

Coincidiu nesta apreciación Malores Villanueva, que acudiu en representación da editorial Galaxia. Lembrou que outros autores galegos distinguíronse publicando obras caracterizadas polas viaxes, como o pai Sarmiento ou Otero Pedraio. Villanueva remarcou a satisfacción de Galaxia por asistir aos actos de Barbantia e ver que son quen de xuntar tanta xente, así como de ter, entre os seus escritores habituais, a autores como o propio Agrafoxo e Antón Riveiro Coello.

Romper estereotipos

Xerardo Agrafoxo, pola súa banda, quixo romper os estereotipos que temos sobre países como o Senegal e subliñou que se trata dun pobo pobre, pero moi tranquilo; que a inseguridade está máis na nosa cabeza que na realidade, circunstancia que se pode experimentar transitando polas rúas das súas cidades e incluso polas zonas rurais.

Acto seguido, deuse paso á emisión de 150 imaxes que o autor foi comentando, para achegar aos noieses a un país no que se pode apreciar o cambio climático nas súas costas, que están sendo comidas polo mar. Explicou así mesmo que o problema de África é que ten mil millóns de habitantes que serán dous mil no 2050, e a pobreza extrema fai que queiran xogarse a vida tratando de entrar en Europa.

E para coroar unha cita xa de luxo, as actuacións da Escola de Danza Oitos, dirixida por Verónica Martínez, elevaron o nivel ao máximo, para ledicia dun público entregado.