Pedro García Losada: Á procura dun distintivo para a ría noiesa

Loita por lograr que o espazo sexa declarado paisaxe cultural da Unesco


ribeira / la voz

Son moitas as fermosas paisaxes de Barbanza que merecen ser inmortalizadas a través do obxectivo dunha cámara, pero de todas elas, Pedro García Losada elixiu a ría de Noia. Este espazo natural cativouno tanto pola beleza que encerra como polas convidadas de honra que a cotío a visitan á procura dun tesouro que agochan os seus fondos. Este fotógrafo leva máis dun lustro tratando de recoller en instantáneas o duro traballo que realizan as mariscadoras.

Pedro García comezou este proxecto persoal alá polo 2014. Quería poñer en valor o traballo das mulleres que mariscan a pé: «Parece que aquí todos viven de costas ao mar, cando elas son o sustento económico de moitas casas da zona». Pero o seu reto non tardou en adquirir unha envergadura maior. A través da Sociedade Antropolóxica Galega, entidade á que pertence, sumouse á elaboración dun traballo de documentación fotográfica e etnográfica sobre a ría noiesa, co fin de obter para ela a declaración de paisaxe cultural da Unesco: «Hai un tesouro que está diante dos nosos ollos, pero semella que ninguén o ve».

Este noiés de adopción é incapaz de calcular cantas fotos leva feitas das mariscadoras: «Houbo un ano que estiven toda a campaña con elas, tanto no inverno coma no verán. Agora tento buscar ocos no traballo para ir á praia». Velas desenvolver o seu traballo é o que máis lle chama a atención: «É unha actividade sostible, que non resulta agresiva co medio e tamén é moi dura, pois estas mulleres pásanse ata catro horas na auga, ás veces metidas de cintura para baixo, pero outras, ata o pescozo, sempre coa humidade no corpo».

Esa dureza do marisqueo é a que Pedro García quere reflectir na súa obra: «Ás veces aparecen cansadas, de xeonllos escavando a area coas mans». Asegura que sempre contou coa complicidade das protagonistas das súas instantáneas: «Doutro xeito, sería imposible realizar este traballo». E por elas quere conseguir tamén esa declaración de paisaxe cultural: «Sería un gran éxito, tanto para a xente que vive da ría como para os veciños en xeral. No futuro, o desenvolvemento económico vai vir da man da cultura e do traballo sostible e artesanal, non queda outra».

A imaxe dun cupón

De momento, o fotógrafo noiés xa conseguiu un premio, pois unha das imaxes que realizou para ese traballo de documentación foi elixida para ilustrar un cupón da ONCE, despois de que gañara o concurso Veo Evolución, promovido pola entidade con motivo da conmemoración do seu 80º aniversario. É unha estampa na que xa outros pousaran os ollos con antelación: «Decidín concorrer a ese certame cunha foto que a conselleira de Mar, Rosa Quintana, ten no seu despacho». Dita instantánea formaba parte dunha exposición que se exhibiu en Noia hai un par de anos, con motivo das xornadas dedicadaS ao berberecho, e tanto chamou a atención da responsable autonómica que alguén decidiu regalarlle unha copia.

A elección da foto por parte da ONCE é para Pedro García a mellor homenaxe que podía facerlle ás mariscadoras que son as súas compañeiras de aventura: «É un acto de xustiza e de agradecemento por todas as facilidades que nos dan aos membros da Sociedade Antropolóxica Galega para desenvolver o traballo». Engade, iso si, que a el tamén lle fixo ilusión a noticia: «Para min, loxicamente, tamén é un recoñecemento á miña actividade».

Máis alá deste traballo incansable nas praias, García Losada desenvolve a súa profesión en outros eidos moi variados: «Fago case de todo, pero fundamentalmente, fotografía de arquitectura, industrial e de tipo humanista. No pasado estiven moi mergullado no mundo da moda, pero esa etapa quedou atrás».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Pedro García Losada: Á procura dun distintivo para a ría noiesa