Noia, refuxio de Berenguel de Landoira

XERARDO AGRAFOXO

BARBANZA

MARCOS CREO

O sucesor papal de Rodrigo de Padrón estivo encerrado 12 días nas celas da catedral

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando morreu no ano 1316 o arcebispo Rodrigo de Padrón, os enfrontamentos entre os burgueses e o cabido compostelán para nomear o seu sucesor trouxeron consecuencias insospeitadas. Entre os candidatos que se presentaron para sucedelo, o cabido escolleu dous: Rodrigo Ianes de Parada, sobriño do prelado anterior, e Afonso Iañes, xuíz de Luou.

A discordia medrou cando o papa Xoán XXII tomou unha decisión audaz. O 15 de xullo de 1317 elixiu como novo arcebispo a Berenguel de Landoira, un francés de 55 anos. Tería que enfrontarse con catro grandes problemas: a súa orixe francesa; a oposición dos burgueses do Locus Sancti que viron ferido o seu afán autonomista; a desconformidade dos campesiños exhaustos pola política fiscal da Mitra; e a desaparición da casa condal de Traba, o cumio máis elevado do poder feudal, que lles asegurara aos prelados a obediencia da nobreza galega.

Un problema particular prendería a chama dunha situación insostible: o arcediago de Nendos, Rodrigo de Ianes, concedéralle a Alonso Suárez de Deza -meiriño do infante Don Filipe- a fortaleza da catedral, os tesouros e ofrendas do altar e os castelos da Mitra, baixo o xuramento de devolvelos cando os reclamase o novo arcebispo.

Rumbo a Santiago

Once meses despois, o 3 de maio de 1318, Berenguel de Landoira saíu rumbo a Santiago de Compostela. No seu séquito contaba con Bernardus Carrerus e Hugo de Vezin, dous frades dominicos; Aimerico de Anteiac, organizador da administración eclesiástica; Juan Fabre, experto en finanzas; e un fato de cabaleiros e oficiais encargados de conducir as súas milicias e despachar os seus asuntos domésticos. En Valladolid foi recibido polo rei Afonso XI e súa avoa, a raíña María de Molina. A intención dela era conseguir a participación pontificia na Cruzada contra os árabes, a cambio de despensas por matrimonios irregulares e de parentes reais e a posibilidade de indulxencias para cantos cristiáns participasen na empresa bélica contra os sarracenos.

Despois desta entrevista, o arcebispo emprendeu o camiño ata Santiago. O 12 de novembro de 1318 chegou pola ruta xacobea a Melide. Nesta vila coñeceu que o infante Don Filipe e Alonso Suárez de Deza estaban dispostos a devolverlle as terras e fortalezas do señorío, pero negábanse a concederlle a cidade do Apóstolo. O concello non quería renunciar á súa autonomía, unha loita que mantiña co señorío episcopal dende séculos atrás.

Lume nos pazos

Nesta comprometida situación, vendo o arcebispo que tiña pechadas as portas da cidade de Santiago, decidiu refuxiarse no Castelo da Rocha Forte. Dende aquí viaxou ata a fortaleza da Rocha Branca (Padrón), Pontevedra e Portugal, onde buscou a mediación do rei Dionís. Mentres tanto, os burgueses do Locus Sancti, apoiados polo cabaleiro Alonso Suárez de Deza, prendéronlle lume ós pazos arcebispais.

Cando regresaba da súa expedición tras a raia do Miño, Berenguel de Landoira caeu nunha emboscada preparada polos seus inimigos. Estivo encerrado 12 días nas celas da catedral de Santiago. Para sobrevivir durante o cativerio, mesmo se viu na obriga de matar un cabalo e comer a súa carne. Uns meses máis tarde desta celada, refuxiouse en Noia.