Buscando o norte

XULIO GUTIÉRREZ ROGER

BARBANZA

CEDIDA

Todos nos preguntamos como é posible que algúns animais sexan quen de orientarse para faceren longas viaxes de miles de quilómetros sen extraviarse

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos nos preguntamos como é posible que algúns animais sexan quen de orientarse para faceren longas viaxes de miles de quilómetros sen extraviarse. A resposta é simple e sorprendente: ven o norte. Si, cos ollos. E tamén ven o sur. Esta capacidade dos animais migratorios ten cativado a imaxinación da xente, pero ata hai moi pouco tempo a explicación mantíñase elusiva e inaccesible. Hai anos que os científicos descubriron grupos de neuronas moi especiais nos lóbulos anteriores dalgúns animais migratorios. Estas neuronas son sensibles aos campos magnéticos, e están agrupadas nunha área chamada clúster N.

O máis interesante é que esta área está conectada ás neuronas que veñen dos ollos e diríxense á área visual do cerebro, polo que son capaces de producir sensacións que os animais perciben en forma de imaxes.

Nós temos células na retina (conos e bastóns) cargadas con pigmentos sensibles á luz que se excitan ao seren atinxidas por radiación electromagnética (luz visible) e transmiten esa excitación ao cerebro, onde se forma a imaxe visual. Estes animais teñen, ademais, criptocromos, que son unhas moléculas que se excitan cando son sometidas a variacións dos campos magnéticos e transmiten esa excitación ao cerebro onde se forma a correspondente imaxe visual.

Evidentemente, é imposible saber con absoluta certeza como ven os animais cores que nosoutros non podemos ver. Pero os estudos anatómicos e fisiolóxicos, e a experimentación con estes animais permite extraer algunhas conclusións bastante aceptables e aceptadas: cando unha andoriña mira ao ceo, ve un arco luminoso (posiblemente azul), situado exactamente no norte magnético, e outro equivalente, pero invertido, no sur magnético. Cremos que o aspecto debe ser algo parecido a un arco da vella ou a unha aurora boreal que se manteñen fixos, día e noite, verán e inverno, neses puntos do ceo. E parece que a altura do arco sobre o horizonte está relacionada coa latitude.

Isto non é suficiente para viaxar con tanta precisión como viaxan. Sabemos que tamén empregan outros recursos. As aves máis novas seguen as que teñen experiencia e, ao cabo dos anos, memorizan as referencias xeográficas: ríos, montañas, mares, bosques e desertos.

Algúns animais mariños, como o tiburón balea, válese do seu extraordinario sentido do olfacto para complementar o seu sentido xeomagnético, atopar os lugares onde crían peixes e crustáceos e darse enchentes colosais coas larvas das súas infortunadas presas.

Cincuenta anos de estudos levaron á catalogación dunha ampla variedade de organismos capaces de percibir o campo magnético terrestre e empregar esta información para orientarse nos seus desprazamentos, como salmóns, tartarugas mariñas, limpafontes, abellas, e algunhas moscas. Porén, os animais mellor estudados son as aves migratorias, como o paporroibo, a papuxa e o anteollos australiano.

Non todas as aves teñen esta capacidade; algunhas, como o estorniño (Sturnus vulgaris), teñen outra curiosa habelencia: miran ao ceo nocturno e esculcan as constelacións ata orientarse e estableceren a dirección na que voarán ao día seguinte. Son clásicos os experimentos con estorniños metidos en planetarios onde cada noite mudaban os ceos e toleaban os pobres paxariños que corrixían continuamente a ruta sen entender como os ceos se movían tan caoticamente sobre as súas cabezas.

Que envexa! cando estás perdido, confuso, e non sabes por onde tirar, erguer a cabeza, mirar ao ceo, e exclamar: por aí! ese é o camiño!