Maximino Pérez: Unha viaxe ás aulas noiesas dos anos 70

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Creou o personaxe de Mino para mergullar aos lectores na historia da vila medieval

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un neno que non para quieto, ao que nin os seus pais nin as súas mestras son quen de manexar, un pequeno demiño. Así é Mino, o protagonista da segunda novela do escritor de Lousame Maximino Pérez Abuín. É un libro que propón unha viaxe á escola noiesa dos anos 70, mesturando a realidade vivida polo propio autor coa ficción. Aínda que o volume non foi presentado oficialmente, xa se esgotaron os 200 exemplares da primeira tirada e foi precisa unha segunda edición.

Entre as aventuras que vive Mino ao longo de 147 páxinas hai varias extraídas da historia de Noia. De feito, o pequecho aproveita os recreos para seguir de preto a rodaxe de La campana del infierno, un filme para o que se reconstruíu con cartón o segundo campanario da igrexa de San Martiño, e é testemuña da morte do director, Claudio Guerín, o último día de gravacións, despois de caer do alto da torre. Este enxeñoso neno tamén xoga cos amigos a ser cura, confesando aos compañeiros no interior do templo.

Maximino Pérez confesa que a novela ten un 80 % de biográfica e un 20 % de ficción: «Coma min, Mino nace no rural de Lousame e vai á escola á vila de Noia. Nese traxecto ocorren moitas cousas e no propio centro educativo tamén». O pequeno protagonista do libro sofre en carne propia, por exemplo, as consecuencias de non saber falar ben o castelán, nunha época na que o galego estaba prohibido nas aulas. Unha ducia de ilustracións, que tamén son obra do escritor, completan esta novela, a segunda que sae da pluma deste lousamián, que con anterioridade ambientara nas minas de San Fins La historia de Laura Scott.

Despois de levar máis de dúas décadas redactando libros técnicos, Maximino asegura que por fin atopou a liberdade que estaba buscando: «Realmente estaba farto de escribir sempre o mesmo, xa que os libros técnicos xiran ao redor de normativas que hai que transcribir e, se é preciso, explicar brevemente. Na narrativa atopei o que necesitaba, podo crear e destruír personaxes, non teño fronteiras».

O veciño de Lousame recoñece que lle custou dar o salto por temor ao fracaso: «Aínda que levo moito tempo escribindo novela, non empecei antes a publicar por medo á resposta do público. De feito, tanto co primeiro libro como con este segundo, deixei que diferentes persoas o leran e me deran a súa opinión antes de lanzarme».

Editorial barbancesa

E nos dous casos, o escritor de Lousame contou na súa aventura literaria co apoio de outro veciño de Barbanza, José Ramón Romero. El é un dos socios da editorial HFD, unha firma que tamén saltou do lanzamento de libros técnicos á edición de novelas: «Hai un ano decidimos meternos nesta aventura con La historia de Laura Scott e agora repetimos con Mino».

El é consciente de que non é mellor momento para a literatura en xeral e para os libros en papel en particular: «É unha época complicada, pero sempre quixemos dar ese paso e, como estamos empezando, tratamos de ir sobre seguro, con edicións pequenas. Do primeiro vendéronse 1.500 exemplares e confiamos en que neste segundo, cando menos, se repita a cifra».

José Ramón Romero asegura que ten xa varios proxectos enriba da mesa. Dentro de relativamente pouco tempo sumaráselle tamén un novo libro do propio Maximino Pérez, que confesou que non é quen de parar de escribir: «Neste terceiro traballo cambio de terzo. É unha novela contemporánea e non transcorre en Barbanza, senón en Madrid». O barbancés considera saldada a débeda co seu pasado: «Os dous primeiros libros son como un tributo ao lugar no que nacín, Lousame, e á vila a onde acudín á escola entre os 6 e os 14 anos, Noia».