Festa de Airiños con sorpresa para Santos

La Voz

BARBANZA

DANI GESTOSO

A compañía quixo celebrar os 60 anos que o actor xa retirado lle dedicou

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos do 2017, cando se cumprían seis décadas do seu desembarco en Airiños, Xesús Santos anunciaba a súa marcha da primeira fila escénica. Desde entón, a mítica compañía de Asados tiña unha débeda pendente con el, que quedou saldada o pasado fin de semana, ao longo dos tres pases de Esta noite, velada, un espectáculo montado para a conmemoración do 85º aniversario da agrupación. O actor foi reclamado no escenario para recibir palabras de agradecemento, fortes aplausos e tamén dous agasallos que o domingo por fin puido levar para a súa casa: a figura dunha Pimpinela feita en ferro por Che Tembra e unha placa.

O venres foi Quico Cadaval quen lle entregou os obsequios no marco dunha representación que situou sobre o escenario do auditorio municipal a case 30 actores, integrantes tanto do grupo base como da escola de teatro. Santos recibiu de novo os agasallos o sábado da man da directora da compañía, Esther Carrodeguas, que se referiu ao homenaxeado como «un pai que viu que o seu fillo estaba listo para ser independente e deixouno voar só», antes de ler unha oda composta na súa honra.

E o domingo foi Antón Vilariño, que no pasado estivo á fronte da escola de Airiños, o que se sumou á gran homenaxe a Xesús Santos. Ao longo do fin de semana, desde Portugal tamén chegaron a Rianxo os integrantes de Teatro de Balugas, que quixeron arroupar á compañía de Asados na especial celebración.

A por 85 anos máis

O público gozou das tres funcións, como demostrou a través dos aplausos que lle brindou aos actores e aos músicos que participaron na montaxe: Río de Anxo, Barahúnda, Xosé Luís do Pico e, no pase do domingo, Sabela Galbán.

Como era un espectáculo ideado só para estas tres representacións en Rianxo, Esther Carrodeguas sinalaba onte que agora toca mirar para adiante: «O que buscabamos tamén era enlazar pasado, presente e futuro nesta gala, por iso participaron actores da escola. Queremos ir a por outros 85 anos máis». E o primeiro paso a dar será a preparación dun novo espectáculo.