Miriam Elena Cortés: A divulgadora das xoias ocultas en Artes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Clasificou e catalogou as obras de gravadores galegos que atesoura o museo ribeirense

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2001, cando abriu as súas portas, o Museo do Gravado de Artes contaba cunhas 18.000 pezas nos seus fondos. Co paso do tempo, esa cifra foise incrementando ata que se perdeu a conta. Facíase preciso entón poñerlle orde a esas valiosas obras, sobre todo de cara á súa divulgación. E con esa misión chegou ao centro artístico ribeirense Miriam Elena Cortés. Mergullouse nos tesouros que agocha o moderno edificio para clasificar e catalogar as estampas correspondentes aos autores galegos. O resultado é Pegadas sobre papel, un libro que permite coñecer boa parte das xoias que Javier Expósito foi sumando á súa colección ao longo dos últimos anos.

Miriam Cortés é unha historiadora que colabora co grupo de investigación Iacobus da USC, que se encarga do estudo de todo o vinculado ao patrimonio cultural galego. Aínda que sabía dos tesouros que se agochaban en Artes, cando no pasado mes de novembro se pechou no museo quedou abraiada: «Sorprendeume moitísimo o gran volume de obra que hai e a relevancia que ten. A importancia deste museo é que se trata dun centro especializado».

Desenvolveu a primeira parte do seu traballo entre novembro e marzo, clasificando e catalogando 713 pezas, aínda que para o libro que vén de ver a luz se fixo unha selección de 215, na que figuran traballos asinados por Ayaso, Facal, Leopoldo Nóvoa ou Eugenio Granell. Logo, dedicouse a estudar obras que foron ilustradas por diferentes artistas, como é o caso de Sempre en Galiza ou O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha.

Despois de todo este tempo nas entrañas do museo de Artes, Miriam Cortés é incapaz de decantarse por unha obra ou un artista: «No que ao gravado galego se refire, podería mencionar a Manuel Ayaso, pola cantidade de traballos del que forman parte dos fondos do centro. Penso que é o autor do que existe a obra máis completa».

Dobre propósito

Consciente de que estes tesouros non están o suficientemente divulgados, a ela gustaríalle que o seu libro cumprira a misión para a que foi concibido: «Queriamos saber o que había no museo e rexistralo nunha base de datos, pero agora hai que difundir todo iso, tratar de que chegue ao maior número posible de persoas». Primeiro, para contribuír ao lanzamento do propio museo: «Á xente aínda lle segue chocando que exista un centro desta relevancia nun lugar coma Artes e seguen sendo moitos os que descoñecen o valor dos seus fondos». E, segundo, para facilitar o labor dos investigadores: «Este catálogo pode ser unha boa ferramenta para os estudosos que queiran afondar no eido das diferentes etapas do gravado galego».

Aínda que Miriam Cortés é de Compostela, asegura sentir un apego especial por Barbanza, terra onde ten fixada a súa segunda residencia, concretamente en Boiro. Polo de agora, non ten proxecto ningún enriba da mesa, pero non dubida á hora de asegurar que lle gustaría seguir na liña da investigación: «É un traballo moi agradecido, porque cando atopas o que estás buscando sentes unha gran satisfacción».

E mesmo estaría disposta a desenvolver un novo proxecto en Barbanza: «Elaborei a miña tese de doutoramento sobre a escaleira monumental e non me importaría facer un traballo similar nesta comarca, aplicado por exemplo ao eido da arquitectura etnográfica. Penso que podería resultar unha investigación moi fermosa». Está convencida de que aínda quedan nesta zona moitos capítulos históricos pendentes de escribir: «As casas señoriais ou os pazos penso que tamén constitúen en tema de estudo interesante».

O continente. O volume Pegadas sobre papel. O gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes está integrado por máis de 200 páxinas. Foi editado pola fundación que xestiona o centro.

O contido. Ten unha primeira parte dedicada a 18 autores e aos seus traballos. Na segunda aparecen varias obras que foron ilustradas por diferentes gravadores.