Ausencias na volta á rutina educativa


Este principio de curso non foi como os anteriores, exceptuando as incidencias de sempre: falta de profesores, obras que conviven cos alumnos... A volta á rutina do sistema educativo foi máis triste porque estivo ensombrecida polas ausencias, baleiros que notarían estudantes, profesores, nais, pais e ata aqueles que, por cuestións profesionais, vivimos de preto, ou en primeira persoa, os acontecementos de colexios, institutos, en suma, de todas as dependencias que cada setembro convértense en pozos de aprendizaxe, de formación de persoas a cargo de persoas boas, mediocres, malas, normais... porque en todos os colectivos existe esa gama que vai de menos a máis, de máis a menos, elixan vostedes por onde empezar porque, fágano por onde o fagan, sempre haberá extremos. En cuestión de catro meses finaron tres profesionais do ensino dos que deixan pegada e que estiveron relacionados entre si: Plácido Betanzos, Lito Fraga e Elixio Villaverde. Como comprenderán, non os coñecín por ser alumno seu -circunstancia que xa me gustaría experimentar, e non só por unha cuestión de idade-, senón a través deses vínculos que nacen entre un xornalista e as súas fontes informativas, e eles foron fontes informativas antes de converterse en amigos, en mestres dos que aprendín leccións vitais, como ese afán diario por intentar cambiar o mundo para facelo máis habitable, máis xusto.

Os tres militaron no nacionalismo incluso ocupando cargos públicos, como foron os casos de Lito e Plácido, concelleiros do BNG en Ribeira; Elixio, pola súa banda, preferiu estar en segunda fila, como activista social, pero sen renunciar nunca aos seus principios nin a esa teima investigadora que o levou a atoparse con figuras senlleiras do galeguismo e transmitir un legado ideolóxico acantoado no exilio. As longas horas de conversas con eles axudáronme a ser mellor, profesional e persoalmente falando, e por iso os boto de menos neste principio de curso, porque é o primeiro sen eles, aínda que xa non estiveran activos, pero é que, nos tempos nos que mantiñamos relación, eran estas as datas do reencontro, e hoxe son consciente da súa ausencia.

Noto a súa falta no ensino e tamén nos principios dos que adoece a sociedade, pero estou seguro de que o seu paso por esta vida deu froitos en moitos dos seus alumnos e dos seus amigos que temos a obriga de esforzarnos cada día en aplicar e espallar as súas ensinanzas.

Marcharon aínda mozos nun curto e triste intervalo de tempo, pero deixaron a súa pegada de bos e xenerosos e a lección de que non se pode transitar pola vida mirando polos intereses propios, que é compatible militar respectando aos demais... ser persoas.

Por Moncho Ares CIUDADANA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Ausencias na volta á rutina educativa