Esther Carrodeguas: «Desde a compañía lóitase por garantir o futuro de Airiños de forma continua»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Asegura que hai canteira suficiente para seguir tirando da mítica agrupación

21 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegaba hai sete anos co fin de marcar un antes e un despois, de renovar unha vella compañía de teatro. E tan vella, porque Airiños tiña daquela 78 anos e agora está a piques de celebrar os 85. Esther Carrodeguas séntese satisfeita co traballo realizado, co xiro que conseguiu imprimirlle á agrupación e, sobre todo, coa canteira que axudou a crear e que garante o futuro do elenco galego con máis historia.

-Supón moita responsabilidade estar á fronte dunha compañía con 85 anos de historia?

-Cando empecei sentía máis esa responsabilidade. Agora vexo Airiños como a miña compañía, aínda que é certo que sempre hai presión. Sempre insisto moito, sobre todo entre os nenos, na importancia que ten estar nunha compañía histórica; tento trasladarlles iso para que o teñan en conta no futuro. Eu sinto responsabilidade sobre todo á hora de tomar unha decisión, porque sei que formará parte dun novo capítulo desa historia da compañía.

-Despois deste tempo na dirección de Airiños, están as expectativas cumpridas?

-Eu diría que si, xa que o grupo cambiou moito, que era precisamente o que se buscaba. A min chamáronme para revitalizar a compañía, para buscar outras linguaxes, e penso que si houbo un cambio nos rexistros: a música gañou peso nos espectáculos e mesmo o ano pasado incorporamos o vestiario, que foi algo que chamou a atención. Sempre tento incluír novidades para que os actores vexan que hai outras formas de actuar e o público tamén.

-Satisfeita entón co traballo realizado ata o de agora?

-Contenta co meu traballo e satisfeita tamén porque me deixaron xogar moito. Sentín que o grupo me apoiaba sempre nas miñas ideas, por moi tolas que puidesen parecer.

-Cara a onde pensa que ten que camiñar a partir de agora esta mítica compañía?

-Sinxelamente ten que seguir camiñando, tratando de incorporar novos conceptos e afianzar o traballo realizado. Agora mesmo non temos clara a vindeira obra que imos preparar, pero temos ganas de volver a un autor galego, pois levamos varios anos con obras de escritores internacionais. O camiño natural tamén será que os máis novos se vaian incorporando ao grupo de adultos. Algúns aparecerán de feito no espectáculo que preparamos polo 85.º aniversario.

-Podería dicirse que está garantido o futuro da compañía?

-Si. Agora mesmo hai máis de vinte rapaces que están aí, sen contar os que foron deixando por motivos de estudos ou traballo, parte dos cales seguro que acaban regresando. Ademais temos previsto impartir outro obradoiro de teatro para seguir sumando actores.

-Cal é o segredo de Airiños para conseguir manterse no tempo durante tantos anos?

-Difícil pregunta. Penso que hai moita consciencia histórica sobre o necesaria que é a compañía. En canto cheguei, o primeiro que me dixeron era que había que crear canteira para garantir o proxecto. Non somos un grupo de amigos que nos reunimos para compartir unha afección común, senón que a xente quere que o grupo perdure. Desde a compañía lóitase por garantir o futuro de Airiños de forma continua.

-Este ano cambiouse entón a estrea dunha nova montaxe por esa gala especial de aniversario?

-Si, este ano non teremos estrea como tal. Aínda nos queda algunha función pendente con Romeo e Xulieta, polo menos en Portugal e Outes, e tamén recuperaremos unha peza de Valle-Inclán para representar na Pobra en outubro. Despois si que arrancaremos xa cunha nova obra. Un dos obxectivos desa gala tamén era o de cambiar a rutina do grupo, que sempre estreaba despois do verán, para adiantar esas presentacións á primavera.

-Con todo o traballo que ten agora como escritora, directora e actriz, non lle resulta complicado seguir liderando Airiños?

-O certo é que cada vez me resulta máis complicado, pero é un tema que tampouco me preocupa demasiado porque vexo que o grupo é moi forte e non depende de min nin de calquera outra persoa a título individual. Non sentir esa responsabilidade sobre as miñas costas é algo que me alegra.