Xa está na rúa o libro «Heredeiros da Crus: Cuadrilla de Pepa a Loba»

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os artistas asinarán o volume este sábado en Santiago, pero o día 29 haberá unha presentación en Ribeira

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Había tempo que estaba anunciado o lanzamento dun libro chamado a recoller a historia do grupo de rock barbancés por excelencia: Heredeiros da Crus. Pois ben, o volume xa está á venta e pode adquirirse a través de diferentes plataformas de Internet e tamén nas librarías.

Heredeiros da Crus: Cuadrilla de Pepa a Loba anúnciase como «a crónica dun soño entolecido dun mariñeiro unha noite de marea que rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. É unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas».

Aderezando as verbas con fotografías, o xornalista ribeirense Antonio Díaz Ageitos repasa a través de 200 páxinas as aventuras e desventuras da mítica banda, desde os duros comezos ata o doce éxito tralo que chegaría a triste desaparición do grupo e, como non, o esperado regreso en Ordes, alá polo 2012.

Presentación oficial

O libro xa se atopa á venta, pero a súa presentación oficial aínda non tivo lugar. Será este sábado, ás 22.00 horas, na sala Sónar de Compostela, no marco dunha festa. Os asistentes terán ocasión de facerse cun exemplar do volume e de conseguir que nel estampen as súas rúbricas Tonhito de Poi, Javi Maneiro, Fran Velo, Tuchiño e Manu Rey.

O día 29 haberá unha presentación en Ribeira.