A Deputación inviste na comarca 5,8 millóns na mellora de servizos básicos

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os concellos destinaron máis do 50 % do Plan Único a pavimentos, saneamentos e abastecementos

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O POS+ 2018, máis coñecido como Plan Único, da Deputación da Coruña permitirá investir este ano 5,8 millóns de euros na execución de 58 actuacións de mellora de vías e redes de saneamento e auga potable nos 11 concellos do territorio sur da provincia encadrados nas comarcas de Barbanza, Muros e Noia e o termo de Mazaricos. A cantidade equivale á metade dos fondos que o citado plan repartiu entre estes concellos, de acordo coas propostas que fixeron chegar ao organismo que preside Valentín González Formoso, o que pon de manifesto un interese maioritario das corporacións locais por afrontar actuacións encamiñadas a mellorar os servizos básicos dos cidadáns.

Foron os concellos máis poboados, como son os casos de Ribeira e Boiro, os beneficiados coas principais achegas de Deputación, superando ambos os dous a barreira do millón de euros, case que o 50 % da totalidade dos fondos que por este concepto se repartirán na execución dos preto de sesenta proxectos. Porén, a totalidade das obras financiadas con cargo ao Plan Único foron 66, o que significa que as de pavimentación e saneamento levaron o 87,8 % do investimento aprobado no seu día polo pleno da corporación provincial.

Máis flexible

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, cuxo equipo de goberno foi quen de reorganizar todos os plans provinciais para centralos nun só moito máis flexible para os concellos, destacou que o volume de obras de pavimentación en camiños e estradas, así como de saneamento e abastecemento de augas a executar nos concellos barbanceses, son un número importante: «Aínda que non sexan de gran magnitude, contribúen a mellorar significativamente a vida dos veciños».

Por outra banda, o máximo responsable do organismo provincial fixo un repaso ao Plan Único, instaurado no exercicio do 2017, e que dá aos concellos liberdade total para investir os fondos da Deputación, xa sexa na execución de obras ou para afrontar outras necesidades: «En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades», concretou González Formoso.

Papel fundamental

Así mesmo, subliñou que a Deputación «xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos».

Por outra banda, fontes do ente supramunicipal lembraron que o Plan Único permite «afrontar a realización de actuacións encamiñadas a paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos teñen a obriga de subministrar», e referíronse especificamente ás redes de sumidoiros ou aos accesos aos núcleos de poboación, de forma que teñan unhas condicións dignas tanto para os residentes como para facilitar a chegada de todo tipo de vehículos ás súas vivendas.

No relativo ao contido das propostas que fixeron os concellos barbanceses, foron maioritarios os que decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único á mellora das infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, xa que foi o caso de Ribeira, Boiro, Noia, Porto do Son, Outes, Mazaricos e Lousame.

A Deputación da Coruña destina 76 millóns de euros ao financiamento do Plan Único, no marco da cooperación do organismo cos 93 concellos espallados polo seu territorio.