Moncho Rey: Un sendeirista curtido con ganas de máis

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Lidera un dos primeiros colectivos organizadores de andainas que se creou na zona

17 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai uns anos, o sendeirismo consistía en Barbanza en ataviarse con vestimenta deportiva e botarse ao camiño, preferiblemente por recunchos con encanto a nivel paisaxístico. Pero a proliferación de afeccionados e a necesidade de darlles unha cobertura legal, sobre todo diante de posibles accidentes, motivou a aparición de asociacións especializadas na organización de andainas. E unha das primeiras que viu a luz na comarca foi Vintedouspés, un club que agrupa a veciños de diferentes municipios, cunha afección común: andar, fundamentalmente polo monte, e descubrir novos lugares.

O rianxeiro Moncho Rey foi un dos impulsores deste colectivo. Asegura que sempre lle tirou o sendeirismo, pero non puido practicalo como quería ata que se xubilou. E foi entón cando se lanzou a crear Vintedouspés: «O que máis me gusta disto é ver as paisaxes e a convivencia coa xente. Chegas a formar un grupo de amigos». Despois de oito anos de traxectoria, a entidade ten un programa de rutas consolidado: «Organizamos unha saída dun día de duración cada tres semanas por diferentes puntos de Galicia e, un par de veces ao ano, levamos a cabo viaxes de dous ou tres días». O club suma ata o de agora 128 andainas.

Moncho Rey e os seus colaboradores son conscientes de que a súa afección é compartida por un feixe de persoas que medra sen parar: «Imaxino que a xente está cansa de estar sentada na casa, sempre facendo o mesmo. Penso que o que se busca é a evasión da rutina e do traballo practicando deporte, que cada vez é máis recomendado para a saúde».

Este rianxeiro, que tantos lugares coñeceu a través da súa afección, non dubida á hora de destacar as excelencias de Barbanza: «É un lugar privilexiado para a práctica de sendeirismo. O meu recuncho preferido é o pico Muralla, ao que subo con frecuencia. É impresionante divisar desde alí as panorámicas das rías de Arousa e Noia, tratando de atopar tamén Santiago». Dos moitos camiños que percorreu fóra da comarca, quedoulle gravado na retina o río Donsal, en Becerreá.

A gran andaina

Como gran afeccionado que é ás andainas, Moncho Rey ten un feixe de retos por cumprir. Se fóra atrevido lanzaríase a camiñar polos Pireneos, pero confórmase con reunir a máis de 200 persoas na gran andaina que Vintedouspés ten programada para o vindeiro día 30. Será un percorrido de 25 quilómetros por territorio rianxeiro: «Buscamos amosarlle aos participantes, sobre todo aos que veñen de fóra do municipio, os principais atractivos de Rianxo. O ano pasado subimos ao pico Muralla e nesta ocasión iremos ata Castro Barbudo e seguiremos o curso do río Te», explica.

Que a andaina sexa un éxito é nestes intres a gran preocupación deste sendeirista veterano, pois sabe coma ninguén o traballo que implica a organización: «O máis complicado é quizais garantir que o percorrido elixido se poida levar a cabo, que os participantes non se atopen con obstáculos, como poden ser as silvas e os toxos». Isto obriga a Moncho Rey e aos seus colaboradores a realizar o itinerario con antelación e, se é preciso, darlle o toque aos responsables municipais para que boten unha man: «No caso da ruta do día 30 foi así, había varios tramos polos que non se podía pasar e falamos co Concello de Rianxo, que se brindou a limpalos».

Os membros de Vintedouspés, coma os de outros colectivos que desenvolven a súa actividade na comarca, atópanse máis veces das desexables con este tipo de dificultades: «O habitual nesta zona é que as rutas se marquen, pero que non se manteñan despois». El, coma outros moitos colegas, cre que queda moito por facer: «O sendeirismo está pouco explotado aquí, tendo en conta o potencial que hai».