Hai outras cifras

Carlos henrique fernández coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

16 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A visión que temos da situación económica non coincide moitas veces coa realidade porque os datos e opinións que recibimos a través dos medios de comunicación e dos políticos están previamente «cociñados» para enviarnos a mensaxe que nos queren transmitir. Os que manexamos datos oficiais de organismos supervisores -que nolos facilitan para poder levar a cabo valoracións hipotecarias para os bancos- sabemos que a situación das provincias da Coruña e Pontevedra non é esperanzadora, e xa non imos entrar a valorar as outras dúas, en peor situación.

O stock de vivendas dispoñible é un 10 % superior ao de hai dez anos, cando comezou a crise, e non contan os milleiros de vivendas nas mans dos bancos. O desemprego é superior ao dobre de hai dez anos. Se ben a de Pontevedra ten a mesma poboación, a da Coruña perdeu máis de oito mil persoas, e aínda así, a cifra do desemprego é a xa indicada.

A máis rechamante proporción é a dos custos de construción e o prezo da vivenda; namentres hoxe custa un 10 % máis construír que no 2008, o valor da vivenda perdeu máis do 50 % en lugares como Fisterra ou Ribeira, concellos que apostaron polo ladrillo hai anos e que nunca imaxinaron os dramáticos feitos que viñeron despois.

Malia que os xuros bancarios se reduciron nun 25 %, non se constrúen vivendas por mor dos anteriores factores: desemprego, stock, poboación e proporción entre fabricar e vender o produto. Non saímos da crise, por moito que vexamos as estatísticas do Mediterráneo ou Madrid. Seguimos nunha fochanca da que non saímos.