Indalecio Cabana: «Se alguén no meu cargo di que está satisfeito coa inversión debería marchar»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

EDUARDO PEREZ

O responsable provincial analizou as grandes inversións realizadas na comarca e abordou os futuros retos deste ámbito

16 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que cos primeiros compases do curso a actividade é frenética na Xefatura Territorial de Educación na Coruña, o seu máximo responsable, Indalecio Cabana Leira, logra quitar tempo para analizar as grandes inversións acometidas nos centros educativos da bisbarra e os retos que afronta o ámbito académico no futuro.

-Vostede é enxeñeiro e foi docente en moitos centros, ¿como se ve a xestión dende a aula e dende o despacho na Coruña?

-Varía moito a xestión dos recursos e do persoal dende a empresa privada e os centros á Administración. Teño que recoñecer que me levei unha gran sorpresa e que esa visión negativa do funcionario non é así. Estou atopándome con profesionais que veñen a botar unha man e profesores que se involucran fóra do seu horario de traballo.

-¿Que peso ocupan as tres bisbarras a nivel provincial no senso educativo?

-Tanto Barbanza, como Noia e Muros teñen unha gran importancia, pero non só a nivel provincial senón de toda Galicia. Polas súas características propias ou polo potencial económico do mar, hai unha gran comunidade educativa e destacan factores como o número de persoal estranxeiro.

-Neste senso, ¿podería sinalar algunhas das últimas inversións en centros educativos que ascenden a preto de medio millón?

-Gustaríame aproveitar para aclarar e desculpar un malentendido que me aconteceu no instituto da Pobra, cando usei unha expresión moi miña dicindo que ‘aquilo estaba a monte’. Hoxe en día ese centro está totalmente recuperado, fixemos actuacións de accesibilidade ou cambios de cubertas e este curso invertemos máis de 47.000 euros nunha nova. En Boiro hai que destacar a reforma das caldeiras do Santa Baia, os baños exteriores que se están executando ou o ascensor do colexio de Escarabote. En Muros cumpriremos coa demanda da AMPA de Louro e cambiaremos o pavimento do patio. En Porto do Son continuamos coas obras de accesibilidade iniciadas, tanto no Santa Irene como no colexio de Xuño. Tamén sobresae a construción da cuberta do patio no rianxeiro Castelao, valorada en 55.000 euros ou en Noia as distintas actuación no Rodríguez Cadarso e Felipe de Castro.

-¿Está satisfeito coa inversión?

-Se alguén no meu cargo di que está satisfeito coa inversión debería marchar, pero por iso é tan importante a planificación e rompo unha lanza pola unidade técnica, dende onde sempre buscan a mellor elección económica. Perdemos alumnos e gañamos docentes, iso demostra que estamos loitando polo ensino.

-¿Cal é a opinión da Xunta sobre os centros situados en zonas rurais como as unitarias?

-En toda a miña experiencia nunca escoitei un só agravio contra o rural. Pero hai que pedir comprensión ante os agrupamentos, ás veces esta é a única forma de manter un colexio que entre todos os niveis só suma unha ducia de alumnos.

-A FP atravesa uns anos duros en canto á matriculación, ¿fan falla cambios neste modelo?

-Antes teño que anunciar unha boa nova, no IES Leliadoura de Ribeira reuniuse alumnado para manter o ciclo de Xestión Administrativa. Quizais temos que comezar a entender que non se poden diversificar tanto algúns tipos de estudos. Mais dende o CIFP Coroso, buque insignia da FP, vense traballando moi ben cos tres últimos directores en canto á conexión entre centro e o tecido empresarial.

«Atopamos a unha persoa para o neno con diabetes rianxeiro»

O curso arrincou cunha nova moi esperada por unha familia rianxeira, a do neno con diabetes de cinco anos do colexio Castelao que xa conta cunha coidadora do centro, despois de que esta se ofrecese a facerse cargo das medicións de glicosa e das inxeccións de insulina que precisa. Detrás desta historia atópanse meses de traballo, negociacións e procura de solucións por parte da asociación Anedia, Xefatura Territorial, Concello de Rianxo e comunidade educativa.

-¿Como valora o desenlace do caso do neno con diabetes?

-Volcámonos tanto Anedia, como a Xefatura Territorial e Inspección. Ao final atopamos a unha persoa para o neno con diabetes rianxeiro, dentro da comunidade educativa, que se vai encargar do rapaz. Agradecemos persoalmente a esta profesional que, ao igual que puidera ter feito calquera docente, se prestase a incorporar esta labor dentro das súas funcións.

-¿Esta situación é común noutros puntos da provincia?

-Temos moitos nenos con diabetes na Coruña, pero este foi o único caso no que aconteceu isto. Por iso o que máis rabia me daba era a imaxe que podía quedar dos docentes, non se merecían quedar como inhumanos. Nalgúns momentos cheguei a sentirme moi decepcionado. Iso si, ollo coa recente sentenza dun xulgado vigués -un xuíz fallou que é deber de todo o profesorado participar no control e supervisión dun neno con diabetes tipo 1-, pode que esteamos a falar de algo que xa forma parte do pasado.

-¿Cales foron as claves para chegar a esta solución?

-O certo é que se chegou a unha solución feliz, entre comiñas, pero para alcanzala hai que recoñecer a participación activa da asociación de nenos con diabetes. Cheguei a reunirme co alcalde, Adolfo Muíños, e falar con el unhas cinco veces, ata intentamos que se ocupara persoal municipal do pequeno. Cando tivemos coñecemento de que había unha posibilidade, aferrámonos a ela. Logo, Inspección Educativa prestou a súa man a entrevistarse coa persoa e esta aceptou. Podo dicir que nos alegramos pola familia e polo cativo, que sempre foi a nosa gran preocupación.