Rianxo despide bailando os festexos na honra da Moreniña

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Tralo Feirón Mariñeiro, os máis cativos foron os protagonistas da última xornada das celebracións

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Por se sete días de troula non fosen suficientes para caer rendido, na penúltima xornada das celebracións na honra da Guadalupe Rianxo botouse á rúa para gozar dun Feirón Mariñeiro que tivo continuidade cos concertos da Noite Folk. O cansazo non fixo fraquear a ninguén, e os veciños comezaron a despedirse das festas deste ano como mellor saben, bailando. A música continuou onte, no derradeiro día dos festexos, coa sesión vermú a cargo da orquestra Samba.

Unha vez que os postos de artesanía comezaron a recollerse e abandonar as rúas do Cabo da Vila nas que estiveron instalados durante todo o día do xoves, a festa trasladouse á praza Rafael Dieste, ateigada co público que presenciou os concertos de Os Viqueiras, Alvariza e Radio Cos. Ata entrada a madrugada ninguén se moveu de alí, ou máis ben, o movemento que houbo foi o dos bailadores que se apropiaron da praza para danzar en grupo ou en parella.

Cando rematou o folk, aínda quedaba festa para un pouco na verbena da praza Castelao, que tamén rexistrou unha boa entrada grazas, en parte, a que onte era festivo local en Rianxo. Por esa mesma razón, desde pola mañá volveu a vivirse un gran ambiente na vila. A do venres é tradicionalmente a xornada dedicada aos pequenos da casa e non faltaron á cita, aínda que iso supuxera arrastrar de novo ao campo da festa a uns pais exhaustos.

Colas no tren

Como en calquera celebración pensada para os cativos que se prece, non faltaron os xogos e inchables para nenos de distintas idades, que se instalaron na praza Virxe da Guadalupe, nin tampouco o tren turístico. Ata houbo que facer cola para montar nos seus vagóns para dar un paseo pola vila.

Logo a actividade dividiuse entre a praza Rafael Dieste, onde desta volta foi a Banda Unión Musical de Meaño a encargada de poñer a música, e o Campo, onde á mesma hora comezaba unha concorrida festa da escuma.

Nada máis rematar, comezou de novo o baile coa sesión vermú, que a orquestra Samba alongou ata ben pasadas as tres da tarde. Logo, quen puido foi descansar para recuperar folgos de cara á noite das bengalas, e os pais dos cativos volveron á praza Virxe da Guadalupe, onde estaban outra vez os inchables. Pola noite, estaba prevista unha novidade para os nenos, a verbena infantil.

Un baño para refrescar antes da noite máis longa

Aínda que é unha actividade pensada para os cativos, na festa da escuma que onte tinguiu de cor branca a praza Castelao tamén puido verse a moitos rianxeiros xa grandiños. A maioría ían acompañando a fillos, sobriños ou primos demasiado pequenos para mergullarse eles sós no mar de escuma que se formou, pero tampouco faltaron adultos que gozaron da iniciativa tanto ou máis que os propios rapaces. O baño, seguido dos mangueirazos da motobomba municipal, foi unha boa maneira de refrescarse antes de afrontar a noite máis longa das festas da Guadalupe e a cantata de A rianxeira