Representación barbancesa na Romaxe

La Voz

BARBANZA

cedida

Veciños de Aguiño e de Xuño participaron en Sobrado dos Monxes na celebración que promove a asociación Irimia

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1978 celebrábase a primeira edición da Romaxe de Crentes Galegos, unha festa que trataba de establecer lazos de unión entre a fe e a galeguidade, buscando involucrar aos cidadáns nunha Igrexa que se abría á cultura e á lingua galegas. Un dos impulsores desta iniciativa foi Francisco Lorenzo Mariño. Os veciños de Aguiño estiveron presentes naquela primeira romaría e, desde entón, non faltaron a unha cita. De feito, tres edicións tiveron lugar na localidade ribeirense.

O pasado domingo, medio cento de veciños de Aguiño liderados por directivos da asociación Francisco Lorenzo, entre os que se atopaban Elvira Pisos e Unai González, viaxaron ata o mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde nesta ocasión tivo lugar a Romaxe. Asistiron a unha celebración litúrxica, na que se repasaron os grandes problemas que sofre España, entre eles, a violencia machista, a corrupción política, a emigración ou as dificultades polas que atravesan o mar e o agro. Tiveron ocasión de mercar diferentes produtos nos postos de comercio xusto e artesanía instalados no recinto e concluíron a xornada cun xantar campestre que se prolongou coa sobremesa de rigor. Antes da despedida, houbo tempo para unha última oración na capela do conxunto histórico.

Desde Xuño

Os membros da asociación Francisco Lorenzo non foron nesta ocasión os únicos barbanceses que participaron na Romaxe. Desde Xuño tamén se sumaron á celebración organizada polo colectivo Irimia baixo o lema No silencio, o berro seco un grupo de integrantes de Sartaxas.

Os sonenses acudiron co propósito de sumarse a unha celebración relixiosa e lúdica que atrae a galegos de tódolos recunchos, pero tamén para saudar a un veciño: Xosé Ramón Reiriz, un dos monxes do convento de Sobrado que foi ademais un dos fundadores da asociación Sartaxas. A delegación de Xuño tivo ocasión de manter unha conversa con el.

Algúns destes excursionistas mesmo se subiron ao escenario para participar nun improvisado grupo de música que se formou co fin de animar a sobremesa.