Aida López: Un novo talento que se inspira no mar

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Gañou o certame Atlante cun gravado no que representa un fragmento dunha alga

13 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De entre os máis de 400 traballos chegados desde diferentes puntos do mundo, o xurado da novena edición do certame Atlante, promovido polo Museo do Gravado de Artes, elixiu a obra dunha artista de Barbanza como a merecedora da máxima distinción, dotada con 5.000 euros. Trátase de Aida López Fernández, unha pobrense que vén de graduarse en Belas Artes na facultade de Pontevedra. Precisamente, a estampa coa que concorreu a este concurso forma parte do seu traballo de fin de carreira, un proxecto que, como case toda a obra que ten realizada ata o momento, xira ao redor do mar.

Aida López descubriu o mundo da arte de nena, a través dunhas clases de pintura. Non tardou en decatarse de que quería dedicarse profesionalmente ao que comezou como unha afección, polo que cursou o bacharelato de Artes en Boiro, primeiro, e a carreira de Belas Artes en Pontevedra, despois. Na súa etapa como universitaria probou fortuna no certame de pintura rápida da súa Pobra natal. Conseguiu un accésit na primeira edición e o segundo premio na seguinte, mentres que á terceira non puido concorrer por ser chamada para formar parte do xurado.

Este mesmo ano, cando faltaba pouco tempo para que pechara o prazo de presentación de obras ao Atlante, animouse a dar o paso: «Decidín aproveitar un gravado que tiña englobado no traballo de fin de carreira, que trata sobre o mar, concretamente ao redor das algas e de como poden ser abstractas e á vez figurativas». De feito, a estampa coa que se fixo co prezado galardón representa un fragmento dunha planta mariña.

Cando recibiu a chamada na que lle anunciaban a vitoria no certame internacional de gravado, a pobrense non o podía crer: «Foi unha sorpresa moi grande, pois presenteime sen ter aspiracións ningunhas». Recoñece que o premio supón para ela un impulso enorme: «A verdade é que me motiva a seguir traballando, a tratar de medrar neste mundo e de facerme un oco».

Co futuro profesional claro

Consciente da dificultade que entraña este obxectivo, Aida López seguirá de momento mellorando a súa formación. En breve comezará en Pontevedra un máster de creación e investigación en arte contemporánea. Ten claro que tratará por todos os medios de que o seu futuro laboral descorra ligado ao eido artístico: «Interésame o mundo dos museos e a rama creativa en si máis que a faceta de docente, que a vexo demasiado complexa».

Dentro do eido artístico, a pobrense abarca un amplo abanico de estilos, que vai desde a pintura ata o gravado, pasando pola fotografía e a escultura. De feito, a pasada semana incorporaba dúas instantáneas e unha peza de cerámica fría a unha exposición colectiva que pode verse no Pazo da Cultura de Pontevedra e tamén achegaba o seu gran de area en forma dun gravado a Barbantiarte, a colección que reúne en Artes a máis de 60 creadores da comarca. Estes e outros traballos que ten na súa vitrina particular xiran ao redor dunha mesma temática, Galicia: «De momento, todo o que teño feito está relacionado co entorno no que me desenvolvo, aínda que tratado desde diferentes puntos de vista, coma o mar e a pedra».

De cara ao vindeiro verán, Aida López ten previsto montar unha exposición na Pobra, onde xa presentou hai uns meses outro proxecto realizado xunto con dous compañeiros no marco da carreira universitaria: Afouzarte. Foi unha iniciativa que deixou pegada na vila pola súa orixinalidade, xa que contiña obras realizadas por artistas e cadros feitos por nenos e por persoas con diversidade funcional co fin de retar ao público a adiviñar a autoría de cada un: «Algúns si que se recoñecían facilmente, pero noutros casos resultaba moi complicado». Aínda así, ela é das que pensan que o artista se fai: «Hai persoas que teñen certas dotes desde pequenas, pero penso que a maioría van abrindo camiños a medida que se van formando».