Rosalía e Castelao fanse xigantes para unir Rianxo e Padrón

As figuras dos dous históricos escritores sorprenderon aos presentes, que volveron a estreitar lazos


Ribeira / la voz

Dous tótems do galeguismo, Daniel Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, volveron a percorrer as pétreas rúas de Rianxo. Fixérono dende unha altura de tres metros, convertidos en auténticos xigantes. As figuras históricas galegas acompañaron ás corporacións das dúas localidades na celebración do Día de Padrón, xornada de irmandade enmarcada nas festas da Guadalupe.

Adquiridas este ano polo Concello de Rianxo ao artista Gonzalo Sarasquete, os bonecos foron a principal novidade dunha xornada cuxo epicentro pasa por recordar as biografías dos míticos autores. O bo entendemento entre os gobernos locais converteu a tarde nun exemplo do que significa o aprecio entre veciños con nexos comúns.

Foi na praza Castelao onde o executivo local recibiu á comitiva encabezada polo rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira. Encontráronse con música e sorpresa. Cando os presentes se saudaban, as efixies de Castelao e Rosalía apareceron de súpeto entre as caras de abraio do respectable. Nese intre comezou o tradicional camiño ata as estatuas dos dous persoeiros.

A primeira imaxe que visitaron foi a da poetisa do Sar. Alí, acompañados do himno galego, ambos alcaldes depositaron unha coroa de loureiro para renderlle tributo. Tras a ofrenda, os presentes seguiron o seu camiño cara o busto do caricaturista, político, dramaturgo e escritor. Non faltou a coroa e tampouco o canto ao unísono de Os pinos, que deixou paso á canción da Guadalupe.

A música

De volta na praza Castelao, os executivos de ambas vilas tomaron o camiño do salón plenario, dende onde seguiron a tradicional batalla musical entre as bandas de cada municipio.

A loita volveu a gañar aos presentes. Os dous conxuntos deleitaron ao público cun xogo sonoro cheo de artificio e talento. Os acordes dos músicos anfitrións tiñan nos dos seus visitantes a resposta perfecta que mantiña ao público en medio dun feitizo que abraiaba polo bo entendemento entre ambos.

Foi ao remate do combate musical que o rexedor local, Adolfo Muíños, agradeceu a presenza do seu homólogo na vila: «Os lazos que unen ambas terras veñen de moi antigo. É un orgullo ter a Castelao e Rosalía como grandes emblemas». Como detalle, entregou á corporación veciña unha lata de xoubas do xeito, «como emblema da nosa gastronomía», afirmou Muíños. Ao remate, os presentes compartiron un pequeno ágape, no que seguiron debatendo sobre a importancia de días nos que Castelao e Rosalía son xigantes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Rosalía e Castelao fanse xigantes para unir Rianxo e Padrón