As Juadalupeñas tomaron a rúa coa diversión por arma

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Centos de mozos ateigaron a praza Castelao durante horas para gozar de multitude de xogos

11 sep 2018 . Actualizado a las 17:11 h.

No corazón da praza Castelao comezan a verse os primeiros grupos de rapaces ataviados con camisetas de cores. Os mozos saben que se achega o mediodía porque dende a rúa de Arriba xa se albiscan as tres ringleiras da procesión baixando, para acompañar de novo á Virxe da Guadalupe á capela. Os raparigos observan a marcha relixiosa con respecto para, nada máis rematar esta, tomar a gran explanada pola forza coas súas habituais armas, a diversión e a troula que caracterizan ás Juadalupeñas.

Altofalante en man, o mestre de cerimonias vai facendo chamamentos, cargados de ironía, ás distintas peñas para que se arrexunten cara o terreo de xogo. A carreira consistente en levar un ovo nun culler abre unha nova edición desta batería de probas, na que tamén se dan cita rianxeiros de maior idade, que axudan aos máis pequenos cos preparativos de cada entretida actividade.

Pouco despois, chega o momento dun dos retos máis aplaudidos, o de ir rompendo ovos na cabeza dun participante ata atopar o que está cocido. Os Trompas celebran unha vitoria que ben vale unha camiseta do Rock in Rian, o festival musical que arrasou o sábado. «Para os rianxeiros este día significa que todos os que queremos pasalo ben podemos estar reunidos e xogando», explica Sabela Morales, á vez que sinala o emblema da peña que acaba de gañar e a multitude de membros deste colectivo.

Morales xa leva unhas cantas festas vestindo as cores violetas que os caracterizan, por iso defende con contundencia que «cada ano súmase máis xente ás Juadalupeñas e por iso os xogos tamén foron medrando. En definitiva, hai máis e mellor ambiente». Sorrí xusto antes de despedirse para subirse a un colector de lixo a empregar como bólido.

Distintas idades

As charramangueiras carreiras sucédense e en primeira liña sobresae un nutrido grupo de rapaces animando aos seus colegas. «Agora podemos estar algo baixos fisicamente, pero somos unha das peñas que máis participa e aporta», explica Marcos Bravo mentres amosa orgulloso o nome do seu grupo estampado na camiseta: Mamá, xa chejei. «A marea gris, chámannos», anota rindo.

Para Bravo e os colegas que o acompañan cada ano esta cita vaise volvendo máis indispensable: «Se me tivera que quedar cun día dubido moito entre o venres da Rianxeira e as Juadalupeñas». Outra das claves deste día que sinalan estes rapaces é o feito de que se comparte con familiares, como irmáns ou primos pequenos, integrando nos xogos a veciños de distintas idades.

O sol bate cada vez máis forte e as probas van esixindo que se combata a calor. No centro da praza xa está despregada a pista para deslizarse cun flotador e derrubar os clásicos bolos conformados por colchóns de ximnasia enrolados. Dende a balaustrada no alto do Campo da Festa, os máis maiores observan con ledicia como os últimos gritos de emoción e diversión poñen fin a unha mañá inesquecible.

Combo Dominicano e Jerusalén poñen a melodía á festa no Día de Padrón (Programa de hoxe)

A Guadalupe continúa hoxe cos actos do Día de Padrón, nos que se celebran os lazos entre este concello e Rianxo. Pola mañá terán lugar na rúa obradoiros de debuxo e de cultura urbana, con exhibición de parkour. A Banda da Escola de Música de Rianxo amenizará a xornada, ao igual que a Banda de Música de Padrón. A melodía da noite corre a cargo do Combo Dominicano e de Jerusalén.