Rianxo desmelenouse coa música dos 80 e Airiños converteu o pregón nunha festa

A vila deu inicio por todo o alto á súa semana grande cunha conta atrás un tanto acelerada polas ansias da multitude


Ribeira / La Voz

Algo especial había no ambiente o venres pola noite camiño de Rianxo. Primeiro foron as luces de cores; logo, a pancarta da peña Perdoa... Estaba Borracho desexando as felices festas á veciñanza desde o cruce do Pazo; máis adiante, a cantidade de coches estacionados na Carballeira e, por último, a xente que se dirixía camiñando cara o centro da vila. Xa ás portas da praza Castelao, a música confirmábao: A Guadalupe estaba en marcha, este ano con un pouco de anticipación coa escusa dunha festa dos 80 que fixo que os rianxeiros comezaran a desmelenarse antes incluso do chupitaso. Tampouco faltou a música na inauguración oficial das celebracións da man do teatral pregón de Airiños.

Mckuin, unha banda tributo a Queen, adiantou o inicio dos festexos o venres e arrastrou ata a praza Castelao tanto aos mozos das Juadalupeñas decididos a dalo todo na primeira xornada desta Guadalupe como a fans de Freddie Mercury -algún perfectamente caracterizado coma o seu ídolo- que gozaron da interpretación dos seus grandes éxitos. En canto ao resto da noite, seguiu, máis ou menos, o guión habitual, pese ás carreiras por atopar un micrófono co que puidera darse o chupitaso desde o balcón da casa consistorial como é costume. Tralas palabras do alcalde e de Xixí, comezou unha conta atrás un tanto acelerada polas ansias dunha multitude impaciente por dar renda solta á euforia contida durante un ano.

Unha comedia

Tralo desenfreo do venres, onte a quen máis e quen menos lle custou o seu levantarse da cama para asistir ao pistoletazo de saída oficial ás celebracións. Pero, como ben dixeron os actores de Airiños nun aplaudido pregón, «¡que vivan as resacas da Guadalupe!». Así que, a pesares do sol de xustiza que caía sobre a praza, os veciños arremuiñáronse diante das escaleiras da casa do Concello para asistir á festa que tiña organizada o grupo de teatro afeccionado decano de Galicia, que cumpre 85 anos.

A música do acordeón e a voz de Sabela -acompañados polo público- e o teatro foron os eixos dun inusual pregón que arrincou gargalladas coa comedia na que os actores rianxeiros converteron o seu discurso, e coa parodia que fixeron da comisión, porque calquera que teña estado na organización dunhas festas sabe ben as discusións que depara a tirada de foguetes.

A de hoxe será unha das xornadas con maior afluencia de persoas na vila rianxeira. A procesión marítima na honra da Guadalupe arrastra multitudes e é o acto central dun día no que a devoción pola Moreniña é a gran protagonista. A misa solemne no Campo de Arriba comezará ao mediodía. Con todo, haberá unha ampla oferta de actividades lúdicas, coma o baile romaría que terá como escenario os xardíns do paseo da Ribeira. Será a partir das 19.00, e unha hora máis tarde os músicos e bailadores de Vai de Roda actuarán na praza de Rafael Dieste. Pola noite, as orquestras Dilema e Fania Blanco Show serán as encargadas de manter o nivel da verbena na praza Castelao, mentres que a medianoite o xentío desprazase á zona portuaria, onde terá lugar o lanzamento de lumes de artificio aéreos e acuáticos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rianxo desmelenouse coa música dos 80 e Airiños converteu o pregón nunha festa