Todas as artes do Barbanza mestúranse no Museo do Gravado

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Un total de 65 manifestacións creativas integran a sexta edición de Barbantiarte

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura no Barbanza hai tempo que deixou de ser circunstancial, grazas, principalmente, a colectivos como a asociación Barbantia e a persoas como Javier Expósito, que zumegan xenerosidade para manter acesa a chama da creatividade dos cidadáns deste territorio, ou que non dubidan en poñer á disposición do público espazos e contidos, a modo dun establecemento sui géneris chamado Museo do Gravado de Artes no que abundan obras de interese mundial. E o cumio de ámbalas dúas iniciativas pode dicirse que é Barbantiarte, unha actividade que onte principiou a súa sexta edición con 65 manifestacións artísticas e que permanecerá nas instalacións durante dous meses.

Un numeroso e selecto grupo de barbanceses deuse cita na apertura deste encontro de creadores e creadoras do Barbanza, que introduciu a intervención musical do grupo Barahunda, antes de que tomase a palabra o director do museo, Xoán Pastor Rodríguez, que cualificou Barbantiarte como «unha festa das artes na nosa comarca nunha mostra da creatividade das nosas artistas e dos nosos creadores, unha confluencia de miradas, de vontades, de reflexións, para o goce de todas as persoas».

Festa anual

De seguido, interveu o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, que se referiu á cita como «unha das festas anuais da cultura barbantiá: de Barbantia e do Barbanza». Parafraseando a Baudelaire, engadiu que a mostra é «unha proposta firme, arriscada, vangardista, polimorfa, que apela á ollada e á intelixencia do espectador... cómplice e amigo». Instou aos presentes a gozar do encontro e finalizou sinalando: «Esperámosvos o próximo ano, talvez con novidosas propostas. Que o traballo vos sexa leve... e gratificante! Grazas por estardes hoxe aquí, pero, moi especialmente, grazas por serdes».

Tras unha performance do Colectivo Sak, foi a profesora e escritora Aurora Marco a que levou o peso da presentación do catálogo da mostra, empezando cun desexo: «Deixádeme penetrar e camiñar silandeira por este espazo de cultura en cuxa porta me sitúo, con grande admiración e respecto, para entreabrir paseniño os seus 65 apousentos (as 65 obras) e gozar de tanta beleza».

Fío condutor

Consciente da dificultade de enumerar ou valorar cada unha das expresións artísticas incluídas na mostra, botou man dun fío condutor que a foi levando por una serie de obras coas que fixo unha lectura persoal de todo o que integra Barbantiarte.

A escritora foi citando creacións nas que percibiu conceptos como reflexións sobre os problemas do planeta, a busca para facer a descuberta propia, o proceso creativo, diferentes situacións da vida cotiá, os mitos, a protesta, a reivindicación, os rostros da inocencia, «os espazos soñados, o silencio, o mar que nos dá serenidade, a incerteza, o enigma, a placidez, a soidade, a ledicia, as lembranzas, a liberdade», unha manchea de mensaxes repartidas en materias tan diversos como a pedra, a madeira, a tea, o ferro, o aceiro, o vidro policromado, o granito do país, o papel, o linóleo, o cartón pedra, o arame e até o refugallo.

Aurora Marco avogou porque o profesorado dos centros educativos da comarca organice visitas dos alumnos á exposición e rematou apuntando: «Hai moita arte no Barbanza, moita beleza, moitas mensaxes, moito que aprender das e dos artistas presentes neste marco privilexiado, que forma parte das paisaxes do lugar de Outeiro».

En representación do Concello de Ribeira interveu o concelleiro Emilio Pérez, e pola Deputación, Ánxela Franco.