Óscar Prego: «Noia quedaría orfa sen o Liceo»

Está convencido de que o segredo do éxito da entidade é a implicación dos socios

.

ribeira / la voz

Hai nove décadas iniciaba a súa andaina en Noia unha entidade con fins sociais, que tiña como principais obxectivos ofrecerlle aos veciños unha serie de actividades lúdicas e formativas que, por aquel entón, escaseaban. O Liceo xurdía como un referente na comarca e pode seguir considerándose así, pois é a sociedade que aglutina a un maior número de membros. Supera a barreira dos tres mil socios e, posto que moitos representan a familias enteiras, podería dicirse que beneficia a máis de seis mil noieses de forma directa, xa que unha parte das iniciativas que promove están abertas a toda a poboación. Á súa fronte sitúase Óscar Prego. Ocupa desde hai un lustro a presidencia e asegura que aínda ten folgos para continuar.

El experimentou en carne propia os beneficios que pode supoñer pertencer a unha entidade tan importante. Desembarcou coa súa familia en Noia no ano 80 e lembra o crucial que foi para el e os seus a decisión que tomou seu pai nada máis chegar: «Unha das primeiras xestións que fixo foi facerse socio do Liceo, o que nos permitiu integrarnos mellor na vida da vila». Cando cumpriu os 18 anos, Óscar Prego seguiu os pasos do seu proxenitor e xa nunca foi quen de desvincularse da entidade, involucrándose sobre todo na sección de música tradicional, na que aínda participa a través do grupo A Subela.

No 2013, despois de catro anos formando parte do equipo directivo, Prego deu o paso decisivo: «A anterior directiva fixo un labor encomiable, pero pedía o relevo e alguén tiña que collelo. Asumir unha responsabilidade coma esta non é prato de gusto para todos, porque supón traballo, esforzo e moito tempo». Por iso el destaca o apoio dos seus compañeiros de aventura: «Teño un grupo de persoas que sempre está aí, disposto a botar unha man. A todos nos move o sentido de compromiso que temos os socios do Liceo de Noia».

Ceilán, o punto forte

Dos máis de cinco anos que leva dirixindo a entidade, Óscar Prego destaca a liña de continuidade con respecto á herdanza recibida: «Tratamos de manter a estrutura existente, reforzando diferentes eidos, pois ampliamos o número de actividades que oferta a entidade e tamén potenciamos a área recreativa de Ceilán, que cada vez é empregada por máis persoas». El está convencido de que o segredo do éxito do Liceo radica nos seus membros: «Foi sempre unha asociación aberta, que nunca lle pechou as portas a ninguén e a xente séntese aquí coma na súa casa. É un punto de encontro para establecer relacións sociais, tanto que son moitos os que lembran aquelas xuntanzas que se mantiñan para mocear».

Tal é a importancia que Óscar Prego lle concede á entidade que preside que non dubida en asegurar que é unha parte imprescindible da vila: «Noia quedaría orfa sen o Liceo». Cos 90 anos cumpridos, o presidente está convencido de que a entidade chegará ao século e seguirá despois a súa traxectoria ascendente: «A masa social que hai permite mirar ao futuro con moi boas perspectivas. Penso que debemos seguir camiñando na mesma senda que ata o de agora, sempre atentos ás necesidades dos socios. Cando o número de membros empece a descender chegará o momento de preocuparnos».

Óscar Prego e os seus colaboradores non terán que pensar na posibilidade do relevo ata o 2021, polo que pospoñen de momento a adopción de decisións: «Sentímonos con forzas para seguir e culminar esta etapa, pero aínda é cedo para aventurarnos ao que acontecerá de cara aos próximos comicios».

Para el, a satisfacción dos socios é a mellor das recompensas ao esforzo que supón dirixir unha entidade da envergadura do Liceo noiés: «Ver que a xente responde coa súa presenza en actos como o de hai uns días, cando se conmemorou o 90 aniversario, ver que se senten orgullosos de pertencer a esta entidade é para min o mellor dos agasallos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Óscar Prego: «Noia quedaría orfa sen o Liceo»